CAMELIAS MASCOTAS

A flor de pel

Existen moitas formas de expresión artística e unha delas pode ter como base a propia pel. Levamos bo tempo asistindo á expansión do mundo da tatuaxe, quer pola súa perda de estigma social, quer polo aumento da calidade de deseños e artistas. Hai quen di que só se trata dunha moda pasaxeira, mais iso só o tempo o poderá confirmar. O que si é evidente é que, como en tantos outros sectores da vida e do traballo, o mundo da tatuaxe foi tradicionalmente masculino, pero afortunadamente esta dinámica está a cambiar. Cada vez atopamos máis mulleres que rexentan estudios e que locen estas obras con orgullo sobre a pel, rompendo cos prexuízos que, aínda hoxe, existen sobre esta forma de arte que conta con máis de catro milenios de antigüidade.

Artamentum Tattoo

Rúa de José Franco Montes, 6 | [FB] @artamentum | [IG] @artamentum

Tras estudar Belas Artes e Estética e Beleza, Nati decidiuse a comezar no mundo da tinta en 2011, non sen antes «ver programas de televisión como Miami Ink». Tras traballar noutros estudios e na casa, abriu Artamentum hai tres anos, onde polo de agora traballa ela soa. «Cando eu empecei nisto comezaban a verse tatuadoras, pero non donas de negocios», algo que, baixo o seu punto de vista, está a cambiar. «As mulleres estamos a tomar peso na sociedade, xa non estamos tan cohibidas: probamos cores diferentes no pelo, tatuámonos, vestimos de formas rechamantes… non temos problema con iso». Nati tamén coincide en que ao asociarse as tatuaxes a persoas famosas ou con rendas altas, como deportistas, influencers ou cantantes, a demanda aumentou de maneira notable. «Haberá quen o faga por moda, para parecerse a esa persoa, e despois se arrepinta, pero sobre todo hai a quen lle gusta e o fai polo seu significado». E engade: «A tatuaxe sempre estivo de moda, pero agora fanse cousas máis bonitas».

Bonito Cadáver Tattoo

Rúa de Afonso XIII, 34 | [FB] @bonito.cadavertattoo.7 | [IG] @bonitocadavertattoo

Baixando da estación ferroviaria de Urzáiz atopamos este local cuxo nome nos recorda á mítica frase do personaxe de Humphrey Bogart na película Chamade en calquera porta, que convidaba a vivir apresa, morrer axiña e deixar un bonito cadáver. Anita abriu este estudio cando tiña 23 anos, en 2012. Daquela só eran dúas persoas a traballar alí, namentres que agora o equipo está conformado por sete profesionais, sendo cinco delas mulleres, uníndose ao da  fundadora os nomes de Olalla, Rachel, Silvia Sax, e Tamy. Anita comenta con orgullo que o seu é o primeiro estudio de Vigo levantado por unha muller, e que ata hai pouco o cadro de persoal era completamente feminino. «Inicieime nisto porque me pedían deseños para tatuaxes que despois facían outras persoas, e nunca me convencía o resultado», comenta Silvia Sax, que ademais de tatuadora é unha recoñecida artista do graffiti desde hai máis de dúas décadas. «Actualmente xa non está tan mal visto, podes traballar de calquera cousa e levar tatuaxes», apunta, e coincide coas súas compañeiras en que antes este tipo de ornamentacións na pel eran propias de presos, bandas de delincuentes ou persoas marxinadas. Anita finaliza destacando a importancia de saber dicir que non á xente que ten malas ideas, xa que «non todo son os cartos, un tatuador por enriba de todo ten que ser artista».

Rataloka Tattoo

Rúa das Camelias, 22 | [FB] @ratalokatattoo | [IG] @ratalokatattoo

REVISTA NOVEMBRO

Sete anos son os que leva Andrea dedicándose a tatuar, os tres últimos no seu propio estudio, Rataloka. Comezou esta andadura ela soa, mais na actualidade o establecemento conta con tres artistas residentes, un que intercala Vigo e Frankfurt quincenalmente e algúns invitados do resto da Península. Os seus puntos fortes son a cor sólida e o trazo da liña dentro do estilo neotradicional, mais non ten reparos en adaptarse ás esixencias da clientela.  «Sempre me gustou moito debuxar, e como me gustaban as tatuaxes para min, decidín mercar unha máquina e poñerme ao choio», rememora Andrea. Sobre o aumento da demanda nos últimos anos opina que «os roles están cambiando: antes as tatuaxes levábanas persoas en exclusión social e agora lévanas futbolistas e xente que sae na televisión». A pesar dese efecto baseado en personaxes influentes, Andrea non cre que isto sexa unha moda pasaxeira, xa que é algo que leva anos estendido no resto de Europa e que pouco a pouco está a asentarse no noso territorio.

Texto e fotos: Pablo Vázquez

[ Podes ler a reportaxe íntegra na revista A Movida de marzo do 2020. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.