O 1 de marzo abre o prazo de inscrición para a Escola de Letras
ACTUALIZACIÓN FEBREIRO 2021: Trala súa excepcional acollida o pasado 2020, a Deputación de Pontevedra e a editorial Galaxia volven coa segunda edición da súa Escola de Letras, que abre o prazo de inscricións este luns 1 de marzo ás 8:00 da mañá. Se estás interesado/a nalgún dos cursos, recomendamos que te anotes canto antes, xa que na pasada edición as prazas voaron en hora e media. Consulta aquí a información.
A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, e o director da Escola, Francisco Castro, fixeron un balance da primeira edición salientando que as prazas para os seis obradoiros celebrados esgotáronse en hora e media e a lista de agarda para matricularse nalgún dos cursos superou as 200 persoas. O que demostra a importancia da identidade cultural nestes tempos de pandemia e distanciamento social.
Escola de Letras é un proxecto formativo arredor da literatura e a escrita literaria, pioneiro en Galicia e sen moitos precedentes no conxunto de España que pretende constituírse nun motor de actividades centradas na literatura, na escrita creativa e no goce da palabra. Na edición pasada celebráronse media ducia de obradoiros que foron impartidos por autores como o propio Francisco Castro, Inma López Silva, Diego Giráldez e Antonio García Teijeiro.
A gran novidade desta edición recae na incorporación das escritoras Anna Figueiredo e Elvira Ribeiro ao conxunto de docentes previamente mencionado. Para Silva esta proporción correspóndese coa realidade “posto que hoxe no mundo da escrita galega as mulleres están ocupando moitísimo espazo e acadando grandes recoñecementos”.
A espera de coñecer as datas e a programación desta nova edición, Castro anunciou a “a guinda do pastel”: a publicación dun libro con textos do alumnado que participou nesta iniciativa. As alumnas e alumnos de Escola de Letras 2020 teñen ata o 30 de xaneiro para enviar un texto porque, para o director, “a literatura ten sentido se ademais se publica”. Cree que “para as alumnas e alumnos o saber que un dos seus textos formará parte dun libro é un aliciente estupendo. Un dato importante é que non vai ser un libro institucional senón que pasará á canle comercial e estará nas librerías de Galicia dentro do catálogo de Galaxia”.