REVISTA ABRIL

A Escola de Letras abre a inscrición en dous novos obradoiros este luns

A Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia organizan este outono dous novos obradoiros de escrita a cargo de Diego Giráldez e Anna Figueirido. As inscricións para participar nestes talleres abren o luns 1 de agosto ás 8h.

REVISTA ABRIL

A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia abrirá este vindeiro luns 1 de agosto ás 8 horas a inscrición para dous novos obradoiros literarios desta terceira edición, que arrancarán no mes de setembro tralo paréntese estival. Serán Diego Giráldez e Anna Figueiredo os docentes encargados de impartir estes talleres, que terán lugar en Vigo e Pontevedra e ofrecen en total 30 prazas.

No caso do taller de Diego Giráldez, consistirá nun obradoiro literario de 5 sesións (os días 13, 20 e 27 de setembro e 4 e 11 de outubro) que terá lugar na sede da Deputación en Vigo en horario de 18 a 20 horas, mentres que o obradoiro de Anna Figueiredo celebrarase no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra os días 19 e 26 de setembro; 3, 10, 17 e 24 de outubro e 7 e 14 de novembro de 19 a 21 horas e leva por título “Escribir, xéneros, técnicas, temáticas”. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo escoladeletras@editorialgalaxia.gal.

Nesta solicitude constará o nome completo da persoa, o seu correo electrónico, teléfono e no asunto e no corpo o obradoiro elixido, cidade e docente, no que se queira matricular, por orde de preferencia. A inscrición realizarase por estrito orde de chegada das solicitudes ata completar o aforo de cada curso e terán preferencia as persoas que non participaron en anteriores obradoiros. Abrirase así mesmo unha lista de agarda para, en caso de que se produzan baixas, contactar coas persoas anotadas. En setembro abrirase previo anuncio a inscrición para o derradeiro dos obradoiros previstos neste 2022, que ofrecerá a autora Elvira Ribeiro en Pontevedra e que terá lugar en outubro, os días 18 e 25.