REVISTA ABRIL

A cereixa convértese en moda no V Beade Fashion Day

A Beade Fashion Day inaugura o programa de festas da Festa da Cereixa 2018 convertendo o seu froito estrela no protagonista da noite. Tres coleccións de moda e unha de complementos foron as elixidas como as mellores da noite por un xurado que non o tivo fácil.

Os reloxos marcaban ás 20.30 da tarde no Auditorio do CSCR de Beade. As luces se apagan e acéndense os focos que iluminan unha pasarela de cor verde e vermello. Detrás do telón, un decorado ambientado no oeste que segue coa temática que o centro cultural elixiu no entroido para a súa comparsa.

Este ano é a quinta edición da Beade Fashion Day pero os presentadores lembran aos asistentes que xa van 15 anos desde que se celebra o famoso desfile da cereixa. Sen embargo, durante 10 anos foi un desfile onde as casas comerciais da parroquia e arredores prestaban parte das súas coleccións para que os veciños fixeran de modelos por un día. Por este motivo, a noite comeza cun pase homenaxe a Pretty Novias de Marina Salgueiro, un deses comercios que sempre se prestou a colaborar neste acto.

Agora, a dinámica do evento é distinta. A cereixa adquire un papel protagonista e é un dos elementos co que mozos deseñadores teñen que presentar os seus deseños co afán de acadar os mellores premios da noite. Por iso que, despois do homenaxe comeza o concurso.
En primeiro lugar, desfilan as coleccións de complementos e de seguido, 14 pases de deseñadores de Vigo, Pontevedra, Bueu, Caldas, Tui, Vilagarcía ou A Coruña.
Entre os asistentes sorprende a maneira na que a cereixa está presente nos seus deseños, algún deles tan orixinais que o público non fai máis que aplaudir.

REVISTA ABRIL

O peche correu a cargo do deseñador Andrés Valverde impulsor da marca de moda sostible ‘Faldaguas’ que emprega as telas de paraugas en desuso nos seus deseños e do grupo de teatro xuvenil da parroquia, Os Remolóns

E tras dúas horas e media, chega o momento de anunciar os gañadores dos diferentes premios, todos eles vales con cartos para gastar en Retales Lidia.
O premio do público vai para Mela Cruz e a súa colección “Valle del Jerte” e o galardón á mellor colección de complementos é para Lorena González con “La primavera, los cerezos y yo”. Os tres premios do xurado van para Miriam Coedo (“Entre volantes cristalinos”) que acada a terceira posición cunha colección en ton flamenco. O segundo posto vai para Saroka Rosales (“Do Xapón a Beade”) que presentou unha colección-performance que mesturaba a tradición galega coa nipona. E como a cereixa ten moito que ver na cultura xaponesa, Eli Conde, leva o primeiro premio cunha colección chamada “Sakura”.

Tanto o desfile como a carreira que se celebrou esta mañá son actos previos a gran festa, que arranca o venres día 1 de xuño con actividades para os pequenos, actuacións musicais e un serán popular. Os actos conmemorativos continúan o sábado 2, cun percorrido de coches clásicos, os concertos da Banda Escola de Música e da Coral de Beade e un festival de baile moderno. Pola noite humor a cargo de Juan Txonino e música a cargo do Grupo Souvenir. O domingo terán lugar os actos centrais do evento, nos que coñeceremos os galardoados nos concursos da cereixa de mellor calidade, o concurso de presentación das cereixas de Beade e no concurso de transformación e derivados da cereixa. Para pechar a festa, ao longo da tarde-noite do domingo actuarán numerosas agrupacións folclóricas.

The following two tabs change content below.

Bea Barros

Licenciada en Comunicación Audiovisual e cun afán de contar historias fixo un máster en guión audiovisual. Os derroteiros da vida a levaron a traballar no mundo da web e no deseño gráfico no que agora dedica case o 100% do seu tempo. Pero sempre sen deixar de lado a súa paixón por contar historias, xa sexa con lapis e papel ou cunha cámara polas rúas do seu querido Vigo