A banda Antilia pecha os concertos de verán na Villa Solita
O grupo Antilia, liderado pola actriz e cantante viguesa María Costas, será o encargado de dar, este venres ás 21:30, o último concerto deste verán na Villa Solita, unha edificación clásica rehabilitada na que se veñen facendo distintas actividades de balde ao longo do período estival.
O verán vai chegando ao seu fin e a Villa Solita pecha esta primeira tempada de actividades co concerto de Antilia, grupo ecléctico que vai desde o jazz e o blues ata o rock sinfónico ou o folk. A voz cantante lévaa María Costas, música e actriz viguesa cun amplo currículo: co-fundadora do grupo teatral Artello, gravación de sintonías para o Xabarín Club, participación na banda sonora de Sempre Xonxa (primeira longametraxe en galego), cantante solista na Orquestra da TVG, fundadora do grupo Bloody Mary e actriz en obras como Casa Manola ou Dhogs, entre outros moitos proxectos. Á guitarra atopamos a José Churruca, ao que podes buscar en YouTube ensinando como tocar innumerables temas míticos coa guitarra, onde conta con case 20.000 subscriptores.
As composicións de Antilia teñen un sabor atlántico, aberto, nostálxico, pero tamén diáfano e vital. As súas influencias son tan cuantiosas como variadas: Bob Dylan, Joni Mitchell, Billie Holiday, Caetano Veloso, Led Zeppelin, King Krimson, Amancio Prada ou Jei Noguerol. Os seus textos poéticos en galego conseguen un fío directo co público e van mais alá dos lugares comúns. En verbas do xornalista vigués Fernando Franco: “na voz de María sinto a cultura superposta de moitas voces anteriores que xa lle escoitei antes, a de Edit Piaf, a de Billie Holiday, a de Joni Mitchel, a de Eva Cassidy…”
Anteriormente pola finca Solita pasaron a proposta de música e teatro dirixida ao público infantil Contos de Indianos os días 12 e 19 de xullo e 2 e 9 de agosto; e o Trío de Jazz da Fundación Mayeusis o 26 de xullo. Estas iniciativas reicibiron unha forte afluencia de público, polo que se agarda que este tipo de actividades se sigan realizando durante o resto do ano.