BANNER XERAIS

O GFFF busca o cómic máis freak protagonizado polo malvado Doutor Vigo

O GFFF convoca a terceira edición do Concurso de banda deseñada, nesta ocasión baixo a temática de científicos tolos que terá todo o festival. As persoas interesadas poden visitar as bases na súa web e enviar ata dous traballos antes do 31 de xullo.

Exposición dos traballos seleccionados na primeira edición do Concurso de banda deseñada | Fotos: Paula Cermeño

Subido á parte máis alta da torre do concello, nunha noite de tormenta, o Doutor Vigo agarda o raio que outorgará a vida á súa criatura… Este podería ser o punto de partida dunha das historias participantes no III concurso de banda deseñada impulsado polo Galician Freaky Film Festival.

Novamente o concurso poñerá a proba a creatividade dos autores e autoras convidándoos a que ambienten as súas historietas na cidade de Vigo. Ademais, para este ano no que o GFFF renderá homenaxe aos filmes de ciencia ficción protagonizados por científicos tolos, os organizadores propoñen que o protagonista das historias sexa un particular personaxe bautizado como Doutor Vigo, o cal atormenta á cidade olívica cos seus tolos experimentos.

A participación está aberta ao ámbito nacional e poderán participar todos os autores que o desexen ata o próximo 31 de xullo. As bases do concurso poden consultarse na súa web. Esta III edición do concurso contará cun gran premio de 300€, dous premios finalistas de 150€, e dous accésits que recibirán un pack de produtos cortesía de Norma Editorial. Estes premios serán outorgados por un xurado formado polos autores Carlos Portela Xulia Pisón.

As obras gañadoras daránse a coñecer durante a #9 edition do GFFF que terá lugar no C. C. Plaza Elíptica entre os días 19 e 27 de setembro. Durante a entrega de premios presentarase o último número do fanzine do GFFF que contará con algunhas das mellores obras presentadas na convocatoria. No mesmo acto, inaugurarase unha exposición cos traballos escollidos, a cal se poderá ver de xeito exclusivo durante a semana do festival. Nesta publicación tan especial, así como na exposición, o gran público poderá desfrutar dunha chea de viñetas impregnadas polo espírito vándalo e freak da cidade de Vigo.

REVISTA MAIO
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.