Diesemm, impulsando Vigo a través do deporte, a gastronomía e o emprendimento
Diesemm é unha consolidada axencia de eventos galega cun marcado carácter innovador e capacidade para “xerar proxectos con alma”. Está detrás dunha ducia de citas memorables en Vigo e outras cidades, como Gastro Movida, Boot Camp, La 21 ou Vertical Summit.

David Suárez, fundador de Diesemm, leva quince anos ao mando dunha das empresas de organización de eventos non musicais máis exitosas de Galicia. Tocan diferentes sectores, como o deporte, a moda, a gastronomía e os negocios, sempre unidos ao emprendemento e a promoción turística da cidade. O seu obxectivo é “conectar persoas para dinamizar o tecido social e económico de Vigo”, poñendo en valor proxectos emprendedores e creativos.
No ámbito deportivo, Diesemm impulsa dúas das citas senlleiras da cidade; o Desfío Boot Camp e La21 Media Maratón de Vigo. A primeira é unha das carreiras de obstáculos pioneiras en Galicia e puntúa para as ligas nacionais e internacionais. A 11ª edición celébrase o 5 de outubro na Praia de Samil e contará con máis de 30 obstáculos ao longo de 6,5 km. Por outra banda, La21 chega á súa 27ª edición o 16 de novembro, cun percorrido que transcorre integramente pola cidade de Vigo e que inclúe o singular paso polo túneles de Beiramar. David e o seu equipo buscan que a media maratón teña un impacto máis amplo e continuo na promoción do deporte en Vigo e organizan charlas sobre saúde e mulleres no deporte ao longo de todo o ano, ademais de contar con recoñecidos embaixadores.

Nos últimos anos Diesemm puxo unha énfase crecente en eventos de desenvolvemento empresarial. Vertical Summit, celebra a súa segunda edición en Vigo o 25 de setembro, foi o primeiro paso neste terreo e este ano amplían a aposta con Raíces. Raíces é o proxecto estrela desta tempada, un evento que verá a luz o 25 de outubro e terá como obxectivo visibilizar traxectorias empresariais con perspectiva de xénero. A proposta é poñer na palestra mulleres con carreiras exitosas, “algunhas directoras de multinacionais”, para que sirvan como referente. David, que estudou empresariais, subliña o potencial destes encontros para xerar novas ideas, pois “detrás de todo sempre hai emprendedores e empresarias”.

Outro dos eventos de Diesemm xa consolidados en Vigo é Gastro Movida, que terá lugar os días 5 e 6 de novembro. Nesta cuarta edición convértese nunha cita itinerante, que pon o foco en promover Vigo e a súa contorna como destino turístico gastronómico. No lugar de concentrar a programación nunha sede, Gastro Movida aposta por sacar ás actividades ás prazas de varios Concellos do Camiño de Santiago. De novo, a participación de emprendedores, neste caso do sector da alimentación e o viño, é un dos principais motores da cita, xunto á presenza de influencers e caras coñecidas da gastronomía a nivel nacional.

Diesemm tamén colabora e organiza múltiples accións solidarias. O Proxecto 0-3, que recolle alimentos para bebés xunto á ONG AFÁN fai 13 anos en decembro; CoRRRes (R-ecicla, R-eutiliza, R-eforesta) , no que se recollen tapóns de plástico que se transforman simbolicamente en árbores para reforestar montes, como o Monte do Maúxo en Coruxo; e o aniversario da Asociación Alento, de persoas con dano cerebral. Unha completa axenda pensada para xerar impacto positivo, tanto no económico como no social.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Cinco motivos para ir a Play-Doc - 2 Maio, 2025
- Diesemm, impulsando Vigo a través do deporte, a gastronomía e o emprendimento - 2 Maio, 2025
- Bico de Xeado, da granxa ao cornete - 29 Abril, 2025
- Porto Café, café de especialidade e almorzos artesanais - 10 Abril, 2025
- Froitas Xeitosiña, tradición e frescura - 10 Abril, 2025