REVISTA ABRIL

Pop, gastronomía, deporte e paisaxe esta fin de semana no Vive Nigrán

O Festival Vive Nigrán celebra a súa V edición desde o xoves 15 ao sábado 17 de xullo en Monte Lourido con Ginebras, Natalia  Lacunza,  Sidecars,  Locoplaya,  Mounqup,  Shinova,  Walls e Verto como principais reclamos e actividades paralelas para todos os públicos.

A Escola de Rock Gain Over uniuse á presentación do evento este mediodía tocando unha versión da peza Wonderwall de Oasis, na azotea da nova Biblioteca Municipal de Nigrán

A V Edición do festival volve cargada de forzas e potentes artistas para ofrecer a mellor música ao seu público do Val Miñor durante o mes de xullo. O xoves 15 estarán sobre o escenario  Locoplaya e Verto; Natalia  Lacunza e Ginebras actuarán o venres 16 e o último día terá lugar unha Sesión Vibra  Mahou matinal con  Mounqup e  Shinova, e pola noite do sábado Sidecars pechará esta edición do festival. Todos os concertos contan cun aforo reducido e as entradas están dispoñibles á venta na páxina web de A Taquilla.

O Vive Nigrán nace en 2017 autodenominándose “ picnic pop festival”, co obxectivo de ofrecer música e entretemento ao público nunha localización idílica na baía de Nigrán, desde a que se poden observar as Illas Cíes. O recinto do evento, no Campo de Fútbol de Montelourido, é un protagonista máis nas noites de concertos, cun escenario natural a poucos metros do mar, xunto ao areal de Praia América entre Monte Lourido e Monteferro, un dos lugares con máis encanto das Rías Baixas. 

REVISTA ABRIL

O festival do Val Miñor caracterízase por reunir gastronomía, obradoiros e moita música, coa praia, o monte e o mar, fusionando experiencias para todas as idades. Atópase incluído no circuíto Festivais Rías Baixas e dentro da marca  Fest Galicia e conta cun percorrido de catro anos de experiencia e unha longa lista de emblemáticos artistas convidados como  Nathy Peluso,  Sidonie, Viva Suecia, Depedro ou Anni B Sweet nas últimas edicións. A través do programa Vibra Mahou e a colaboración da Fundacion Paideia e o EOI , Vive Nigrán aposta polo talento de grupos xa consagardos e polo talento emerxente. 

A V Edición do Festival en colaboración co Concello de Nigrán, a Deputación de Pontevedra e a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, desenvolve ademais VIVE ACTIVO, VIVE SOSTIBLE e VIVE PATRIMONIO, tres iniciativas con actividades para todos os públicos. Desde accións de recollida e clasificación de residuos nas praias, ata andainas guiadas por Monteferro, roteiros en kaiak e pádel surf, promovendo o exercicio ao aire libre, as actividades náuticas e a concienciación por uns espazos limpos e libres de plástico. O venres 16 de xullo terá lugar o concerto da Escola de Rock Gain Over na Igrexa Románica de Santiago, con entrada de balde ata completar o aforo. O Vive Nigrán mantén desde os seus inicios medidas para garantir a seguridade na zona dunar e o uso de vasos reutilizables durante os tres días de música.

A organización do festival lembra o obrigatorio uso da máscara no recinto así como manter a hixiene de mans, a distancia social e respectar os circuítos de acceso e saída de forma ordenada.