UVIGO
FILLOAS

Vigo Ciclábel propón “reinventar Vigo” a través dunhas xornadas teorico-prácticas

A pandemia, e en especial o confinamento, fixeron que nos replantexaramos moitas das nosas prioridades como cidadáns. Vigo Ciclábel, unha plataforma pola defensa da bicicleta formada por diversas asociacións, organiza este xoves 27 e sábado 29 en Aula D as xornadas Reinventando Vigo: A mobilidade e o espazo público na cidade post-pandemia, que contará cunha mesa redonda e sesións de traballo.

Imaxe dun dos cursos organizados por Greenpeace e Mulleres Bicivisíbeis | Cedida

Hai pouco máis dun ano nacía Vigo Ciclábel, unha plataforma pola defensa da bicicleta como medio de transporte activo en Vigo. Está integrada por diversas asociacións como A Golpe de Pedal, Mulleres Bicivisíbeis, Conbici, Verdegaia, ADEGA, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Vigo Histórico e Fridays for Future. O seu obxectivo: “Poñer o noso gran de area en mellorar a mobilidade sostible na cidade, buscando xerar debate”, comenta Manoel Santos, voceiro da iniciativa. Na súa opinión “Vigo é unha cidade que fala moi pouco de si mesma e na que hai moi pouca participación pública”.

As xornadas Reiventando Vigo contarán con dúas actividades ben diferenciadas. O xoves 27 ás 18:00 terá lugar en Aula D a mesa redonda ‘A mobilidade e o espazo público nas cidades post-covid’, que contará coas voces expertas de Gemma Simon (ConBici), Sara Ortiz Escalante (Col.lectiu Punt 6), Adrián Fernández (Greenpeace) e Antón Lois (Amigos da Terra Galicia). E o sábado 29 cunhas xornadas de traballo que se dividirán en tres eixes: Transporte non motorizado, Transporte público e Espazo público, zonas verdes e pacificación do tráfico.

Segundo Santos “precisamos cidades para as persoas, non para os coches”. Especialmente en Vigo, xa que segundo un estudio da consultora Inrix en 2017, a nosa cidade é unha das 10 urbes españolas con máis tráfico, con máis de 15 horas perdidas en atascos ao ano. Hai ano e medio deuse un paso importante para revertir esta tendencia: abriuse o primeiro tramo do carril bici, que desde hai 8 meses xa vai desde Teis ata Castelao. Un camiño polo que, no último trimestre e segundo datos do Concello, de media circulan máis de 1300 vehículos, sendo o tramo de Camelias o máis transitado (uns 150 ao día). “Desde Vigo Ciclábel sempre valoramos positivamente o carril bici, pero facémolo como un inicio” puntualiza Santos, que agradece que por fin a bicicleta adquira unha posición protagonista como medio de transporte e non só como opción de lecer.

As conclusións sacadas destas xornadas presentaranse nun escrito nas próximas semanas de maneira pública, coa idea de poder reunirse co Concello para coñecer os seus plans respecto á mobilidade e poder realizar algunhas propostas: “Precisamos que a aposta pola bicicleta sexa moito maior, e que non se quede só nun carril que cruce a cidade. Ademais, somos unha das cidades que aínda non contan cun sistema de aluguer de bicicletas nin dunha Oficina da Bicicleta para que se encargue deste tipo de cousas”, resume o voceiro da asociación.

Queres asistir a estas xornadas e que Vigo deixe de ser unha cidade tan cochista? Podes inscribirte no seguinte formulario, no que tamén terás a opción de seguir a mesa redonda do xoves de maneira online. Se todos e todas poñemos da nosa porte, o futuro pode ir sobre (dúas) rodas.

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.