Cinco ideas de agasallos para o Día da Nai
Xa non queda nada para o Día da Nai. Na procura do agasallo ideal, aproveitamos a solleira destes días para saír de compras polo centro de Vigo. Por se aínda non sabes que regalarlle á túa nai, aquí van algunhas recomendacións que atopamos no comercio local vigués:

UN LIBRO E UNHA FUNDA PARA O MESMO
Comezamos visitando Librouro, unha das librarías de referencia na cidade, con sesenta anos de traxectoria. Regalar un libro é un clásico que nunca falla. Desde Librouro, recomendan Hasta siempre, Malena Giestal, unha novela escrita pola viguesa Amara Castro que, ademais, se desenvolve na cidade olívica. Pódese complementar cunha funda para libros.

UN VESTIDO CAMISEIRO
Baixando cara Príncipe detémosnos en La Contenedora, un espazo polivalente que conta cunha tenda centrada na produción de artistas locais e galegos. Agora que vén o verán, hai que adaptar o armario ao bo tempo. Por iso, desde La Contenedora, recomendan un vestido camiseiro de Loreak Mendian. Unha peza moi práctica e fresquiña, cunha cor todo terreo.

UN BOLSO
A seguinte parada é Sr. Nilsson, unha tenda multimarca, situada no corazón do Casco Vello, que destaca pola súa variada oferta de pezas moi orixinais e de calidade con selo nacional. Se estás buscando algo máis orixinal e divertido, desde Sr. Nilsson, recomendan unha colorida parella de bolsos da marca Öllend, un en formato maxi (que, ademais, pode converterse en mochila) e outro en formato mini.

UN CONXUNTO DE XOIAS
Máis tarde, botamos unha ollada en Vaidhé, un comercio que se diferenza pola súa forte aposta por deseñadores e creadores independentes, onde cada obxecto conta unha historia propia. Un agasallo feito a man implica que non existe outro exactamente igual. Desde Vaidhé, recomendan un colar e unha pulseira artesanais de La Polaca.

UN OUTFIT COMPLETO
Para rematar, achegámosnos a Le Marché de Rachel, unha boutique, inspirada no encanto parisiense dos anos cincuenta, na que a roupa, zapatos e complementos aburridos non teñen cabida. Se queres algo de deseño actual e sostible, desde Le Marché de Rachel, recomendan un top e un pantalón palazzo, feitos en liño e algodón orgánico, que funcionan en conxunto case como un mono.
