VEGANA

Atopa o agasallo perfecto para o Día da Nai

O Día da Nai é unha data moi sinalada nos nosos calendarios. É un día especial para pasar cos seres máis queridos, e a mellor escusa para facerlle un detalle ás nosas nais, pero elixir o agasallo correcto non sempre é fácil. En A Movida queremos botarche unha man cunhas cantas ideas e, de paso, presumir do pequeno comercio vigués, que nunca está de máis.

Para conquistala polo estómago
Se a nosa nai é de bo comer e de bo beber, o mellor agasallo pode ser unha cesta gourmet. A versión máis golosa podémola atopar na panadaría El Trigal, cunha caixa chea de galletas, bolos e ata unha torta! Non se nos ocorre mellor maneira de empezar o día que con ese almorzo. Outras opcións, con bebidas incluidas, son as de Cibus Navia ou Brutal Bazar. Teñen cestas cunha chea de produtos que inclúen algún viño ou sidra, conservas, doces, etc.

A opción máis clásica
Unha peza de roupa, un complemento ou algún accesorio sempre é un acerto e máis agora coa chegada da primavera e o cambio de armario. En A Movida propoñémosvos tres opcións de pequeno comercio onde atopar pezas únicas e especiais. Sr. Nilsson, Woodtown e Le Marché de Rachel son tendas locais con estilos completamente distintos, polo que ofrecen opcións para todo tipo de nais.

Para o benestar físico e mental
Ás nais hai que coidalas, por iso un agasallo de benestar é unha moi boa idea. Naïr Natural ofrece uns bonos regalo con ofertas especiais de spa para que as nosas nais poidan darse un capricho e relaxarse, xa sexa cunha masaxe, un peeling, unha manicura… Ademais teñen 4 centros na cidade para que elixan o que prefiran. Outra opción ideal pode ser unha clase de ioga en Savia Ioga Integral, para conectar consigo e alcanzar un estado de benestar físico e mental. Teñen gran dispoñibilidade horaria e grupos para todos os niveis, polo que é unha boa opción tanto para unha nai “iogui” como para unha primeriza.

Un agasallo de noso
Que bonito soa dicirlle á nosa nai que a queremos en galego. En Nikis sábeno, así teñen tazas e camisetas personalizadas con mensaxes dedicadas ás nosas nais. Ademais, tamén teñen caixas regalo para facer aínda máis completo o agasallo. Na libraría Librouro tamén coñecen a beleza do noso idioma, por iso contan cunha amplia mostra de literatura en galego. Para as nais máis lectoras, un bo libro é o detalle perfecto que regalarlle nunha data como o Día da Nai.

REVISTA OUTUBRO