REVISTA MARZO

Xa coñecemos a programación da festa da Reconquista

Aínda que os días grandes da festa da Reconquista terán lugar do venres 28 ao domingo 30, o próximo sábado 22 arrancan as actividades coa representación da destitución da corporación e o concerto dos Vacalouras.

Comeza a conta atrás para que arranque a nosa festa máis multitudinaria: A Reconquista. Un ano máis os vigueses e viguesas saíremos a rúa para celebrar que conseguimos botar aos franceses que tomaran a cidade ao grito de “Liberté, Égalité, fraternité”. Hoxe os organizadores do evento deron a coñecer a programación e o cartel da festa, elaborado nesta ocasión polo vigués Cibrán González. A tamén viguesa Isabela Castelleti, alumna do colexio Ramón y Cajal, é a autora do cartel da Reconquistiña.

Os eventos para celebrar esta parte da historia local arrancan o sábado 22 co concerto na concatedral de Santa María da orquestra KV2211. Pola tarde terán lugar varias actuacións musicais e os veciños do Casco Vello representarán como os franceses fanse co poder da cidade e destitúen a corporación municipal liderada polo alcalde vigués Vázquez Varela. A xornada culmina coa actuación do grupo local Os Vacalouras. Ao día seguinte, na praza do Berbés haberá demostracións de oficios tradicionais, un obradoiro de iniciación ao baile tradicional, actuacións musicais e unha búsqueda do tesouro para a cativada. O luns 24, no edificio Redeiras terá lugar unha charla didáctica a cargo de Xose Lois Rivas Cruz ‘Mini’. Mentres que o martes 25 será o día dos pequenos da casa coa celebración da Reconquistiña.

Este ano, debido ao que o venres 28 é festivo, gozaremos de tres días de mercado que estará aberto de 11:00 a 23:30 h o venres e o sábado e ata as 21:00 h o domingo. Durante estas xornadas hai programadas numerosas actuacións nos diferentes torreiros que estarán dispotos por todo o Casco Vello. Ce Orquestra Pantasma, Falperrys, Tino Baz, Leo Arremecagho, Sun Iou, Tres Pesos ou Unto Vello son algúns dos artistas que participarán da festa. O evento central terá lugar o domingo ás 18:00 h cando terá lugar a representación da reconquista da Vila de Vigo, que arranca na Porta do Sol.