REVISTA MARZO

Girando Por Salas achega a Vigo a mellor música emerxente

Volve Girando por Salas, o circuíto de músicas populares concibido para facilitar a artistas emerxentes unha xira de concertos en salas máis alá da súa propia comunidade autónoma. Nesta décimo quinta edición, 22 bandas xirarán entre febreiro e maio por todo o Estado. Pola nosa cidade achegaranse os artistas Diagnóstico Binario, Carmesí e El Nido, así que toma papel e bolígrafo e toma nota.

Carmesí | Cedida

O obxectivo de Girando Por Salas (GPS) é apoiar a artistas emerxentes de todos os estilos, tanto solistas como bandas, ofrecendo axudas para a celebración de concertos dentro do circuíto de salas en todo o territorio español. Ditos concertos realizaranse fóra da Comunidade Autónoma de residencia de cada artista ou a un mínimo de 300 km dentro da mesma. Con isto quérese potenciar aos novos talentos musicais e a súa difusión máis aló do seu ámbito de influencia natural, así como incentivar a profesionalización dos mesmos.

Ademais do financiamento da minixira, os artistas recibirán unha axuda para a produción e promoción discográfica dos seus traballos potenciando con todo iso a produción discográfica e a estabilidade do circuíto de salas de música en directo. Nesta ocasión tres proxectos da Comunidade Valenciá, Murcia e Castela e León serán os encargados de actuar en tres salas locais. Imos coñecelos:

Forza, enerxía e sensibilidade é o que define esta banda de Elxe. Con letras profundas e emocionais conectan coa audiencia a través de temas reflexivos e experiencias propias. O seu son caracterízase por unha mestura de melodías orgánicas e ritmos de rock coa que crean unha atmosfera única nun potente directo.

Gustaranche se che gustan: Supersubmarina, Izal e Arde Bogotá
Data e hora: sábado 15 de marzo ás 21:00 h
Lugar: sala Supersonic
Prezo: 10,00 € anticipada / 12,00 € na billeteira

No 2023 esta cantautora murciana con formación de conservatorio rachou coa idea de artista elegante e correcta para sorprendernos con temas de pop urbano bailable e aberto. O obxectivo do seu directo é engadir á emoción das cancións, o carácter próximo e ata cómico da artista. En palabras da autora, un «drama bailable» a través do que se empeña en conectar co público ata facelo vibrar.

Gustarache se che gustan: Zahara, Rigoberta Bandini, Merino, Amaia, La Bien Querida, Chica Sobresalto, Natalia Lacunza e Miss Caffeina
Data e hora: venres 4 de abril ás 21:00 h
Lugar: sala La Pecera
Prezo: 10,00 € anticipada / 12,00 € na billeteira

As cancións deste grupo parten dos sons e ritmos da música tradicional de Castela e León, como procura de orientación e identidade nun presente cada vez máis acelerado e convulso. Os seus temas soan a praza de aldea e pandeireta, desde un punto de vista plenamente contemporáneo. Nesta xira presentan o seu segundo traballo, La Constancia.

Gustarache se che gustan: Rodrigo Cuevas, La M.O.D.A. e Maestro Espada
Data e hora: domingo 13 de abril ás 18:30 h
Lugar: sala Rebullón
Prezo: 8,00 € anticipada / 10,00 € na billeteira