VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

Unha ducia de artistas locais presentan candidatura na 15ª edición de Girando Por Salas

O mércores 9 de outubro ábrese a votación popular da 15ª edición de Girando Por Salas, da que sairán 22 artistas ou bandas que actuarán en distintas salas de España. Entre os candidatos atopamos unhas cantas propostas locais.

Treintañeras Cañeras na Fábrica de Chocolate | P. Vázquez

Girando Por Salas (GPS) é unha iniciativa que busca apoiar a artistas emerxentes de todos os estilos, tanto solistas como bandas, ofrecendo axudas para a celebración de concertos dentro do circuíto de salas en todo o territorio español como fomento da expresión máis viva da música popular. Estas actuacións realizaranse fóra da comunidade autónoma de residencia de cada artista ou a un mínimo de 300 km dentro da mesma. Con isto quérese potenciar aos novos talentos musicais e a súa difusión máis aló do seu ámbito de influencia natural, así como incentivar a profesionalización dos mesmos.

Zalomon Grass | P. Vázquez

Este mércores 9, a partir das 11:00 da mañá, ábrese o proceso de votación popular, onde cada persoa pode votar pola súa proposta favorita ata o 16 de outubro. Actualmente hai máis de 700 artistas de todo o Estado, dos cales 50 son de Galicia. De ese medio cento, unha ducia son de Vigo ou arredores: Treintañeras Cañeras, Vértebras, Zalomon Grass, Javier Lago, Os Vacalouras, Mr. River, Samuel Leví, Santi Araújo, Adrian Timms, Antifrágil, Broken Peach e Carla Lourdes.

Carla Lourdes en Maraca | P. Vázquez

Os 22 grupos ou solistas máis votados polo público terán un voto extra ademais dos que pode darlle o xurado. Se se detecta votación fraudulenta dun grupo (robots, emails falsos ,etc.), como aconteceu hai pouco nun concurso local con votación popular, restaranse os votos falsos do total dos obtidos. Os grupos seleccionados faranse públicos o 28 de outubro, e realizarán un mínimo de seis concertos entre decembor de 2024 e xuño de 2025. Pola súa banda, as salas que queiran optar a acoller grupos #GPS15 poden inscribirse desde o pasado 26 de setembro ás 11:00h, ata as 18:00h do luns 28 de outubro. De momento hai 132 salas inscritas en toda España, 15 delas en Galicia (La Pecera e La Fábrica de Chocolate son as únicas viguesas).

Vértebras | Cedida