A festa ‘Tex-Mex’ de Burritos Cabrones
«Saudable, saboroso, rápido e divertido», así definen os responsables de Burritos Cabrones a proposta coa que levan cativando desde 2021 o público vigués e que resumen como “fast good“, en contraposición ao fast food. O restaurante está especializado en cociña mexicana, con especial foco nos burritos. Esta preparación tan versátil, curmá dos famosos tacos, probablemente naceu como un xeito de transportar facilmente un prato completo, envolvendo os alimentos na tortilla de trigo, que exerce a función de friameira.
![](https://amovida.gal/wp-content/uploads/2025/02/Desenos-horizontais-11-1.jpg)
Unha dos atractivos da proposta de Burrito Cabrones é que podemos personalizar os pratos ao noso gusto, o que nos permite optar por unha comida lixeira e saudable ou por unha homenaxe substancialmente máis gorentosa. No menú non hai receitas pechadas, senón un feixe de opcións, e o xogo consiste en achegarse ao mostrador e configurar o noso burrito, bol, enchilada, taco ou quesadilla seguindo as instrucións do persoal e as nosas apetencias. De xeito resumido, o proceder é o seguinte: elixir un formato, escoller unha proteína, engadirlle vexetais e queixo e rematar cunha salsa. Unha vez superadas todas as fases, o noso prato estará listo en poucos minutos. As racións son xenerosas, pero se temos ganas de máis podemos completar o menú cuns nachos —mellor para compartir— con pico de gallo, queixo fundido e guacamole. Se queremos facer a experiencia máis mexicana, podemos acompañar a comida cunha cervexa do país americano, coma as populares Pacífico e Corona.
![](https://amovida.gal/wp-content/uploads/2025/02/Desenos-horizontais-13-1.jpg)
![](https://amovida.gal/wp-content/uploads/2025/02/Desenos-horizontais-10-1.jpg)
Todos os ingredientes propostos forman parte da cultura Tex-Mex, construída pola inmigración mexicana nos Estados Unidos, especialmente en Texas, e que abrangue tanto a gastronomía coma a música nacida da simbiose de ambas as civilizacións. A pesar de que o formato do local pode darnos a sensación de estarmos nunha cadea de comida rápida, a calidade e preparación dos ingredientes difiren moito. Os vexetais son frescos do día, o guacamole é caseiro e as carnes elabóranse no propio local, seguindo receitas orixinais e respectando as coccións lentas que requiren algunhas delas, coma a cochinita pibil ou o porco al pastor.
![](https://amovida.gal/wp-content/uploads/2025/02/Desenos-horizontais-8-1.jpg)
![](https://amovida.gal/wp-content/uploads/2025/02/Desenos-horizontais-9-1.jpg)
![](https://amovida.gal/wp-content/uploads/2025/02/Desenos-horizontais-12-1.jpg)
En Burritos Cabrones procuran un ambiente distendido e cheo de enerxía. O local está decorado con murais e uns característicos neons fucsias e, no canto das predicibles rancheiras, soa electropop. Cada martes desde as 20:00 h celebran o Taco Tuesday e ofrecen tacos e cervexas a 1,50 € a unidade, mentres que os xoves, que aquí chaman Jueves Cabrones, podemos comer dous burritos iguais pagando só un. Se preferimos levar a festa á casa, fan envíos a través da súa páxina web e de Glovo.
Rúa de Vázquez Varela, 50, baixo | @burritoscabrones | burritoscabrones.com
![](https://amovida.gal/wp-content/uploads/2025/02/Desenos-horizontais-14-2.jpg)
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A festa ‘Tex-Mex’ de Burritos Cabrones - 7 Febreiro, 2025
- Bembrive, o pulmón verde de Vigo que necesita ser protexido - 31 Xaneiro, 2025
- San Brais, sinfonía de viño e tradición - 30 Xaneiro, 2025
- Onde comer en Vigo e arredores: guía dos mellores restaurantes - 25 Xaneiro, 2025
- Felicetta Gualtieri ensínanos a facer a nosa propia roupa sostible - 21 Xaneiro, 2025