A festa dos Maios celebra unha primavera que non chega aos termómetros

Aínda que Vigo amencera hoxe cos ceos anubrados, onte instaurouse de forma oficial a primavera. A praza do Berbés encheuse de flores e música para celebrar a vitoria da primavera sobre o inverno na tradicional festa dos Maios.

REVISTA VERAN

A meteoroloxía parece querer levarlle a contraria á tradición. Onte celebrábase no Casco Vello o triunfo da primavera sobre o inverno facéndolle fronte a un tempo cambiante que ameazaba con chuvia. Non choveu e a festa celebrouse sen problema pero a inestabilidade metereolóxica continúa a acompañarnos, aínda que a previsión anuncia melloras a partir de mañá. Onte, a praza do Berbés encheuse de xente para celebrar a festa dos Maios cunha escenificación na que primavera e inverno se enfrontaron para facerse co poder. Finalmente, a primavera acaba vencendo ante os vítores do público que con alegría espalla pétalos de flores ao tempo que danza e celebra a chegada da estación da fecundade. Unha festa que ten a súa orixe nas culturas ancestrais ligadas ao campo e aos cultivos.