Bembrive, o pulmón verde de Vigo que necesita ser protexido
A parroquia de Bembrive desafía as categorizacións simples. Non é de todo rural, pero tampouco é de todo urbana, senón que se mantén nun espazo intermedio que moitos consideran privilexiado. «Somos un barrio periurbano e tranquilo, con todos os servizos de transporte, sanidade e educación necesarios e rodeado de natureza. Xa me dis ti se hai algo mellor», resume Patricia Otero, alcaldesa pedánea da parroquia. O que seguro que fai de Bembrive unha parroquia única é o seu status de entidade local menor con alcaldía propia. Aquí, desde 1945, operan de maneira independente do concello de Vigo nalgúns ámbitos: encárganse de asuntos coma a limpeza das rúas ou o bo funcionamento das fontes e os lavadoiros e, en xeral, de garantir unha comunicación directa entre comunidade e dirixentes.
Os vellos costumes conxúganse a diario coas rutinas urbanas. Considerada rural ata hai poucos anos, a alcaldesa explica que xa ningún dos habitantes ten a agricultura ou a gandería como actividade económica principal. A pesar de que non hai vacas nin carros de bois desde hai anos, moitos seguen traballando as hortas para autoconsumo. O que máis lamentan é que o solo urbanizable é escaso, polo que boa parte da mocidade á que lle gustaría asentarse na parroquia ten que independizarse e construír o seu propio fogar noutros barrios. É o prezo que hai que pagar por ser unha das parroquias máis verdes do concello.
«Somos o pulmón de Vigo», sentencia repetidamente José González, encargado dos espazos naturais na pedanía. A zona conta con moitas áreas verdes, de uso tanto forestal coma recreativo, e mesmo cun coto de caza. González asegura que traballan a diario para manteren as pistas o máis limpas posible e que a cidadanía poida gozar dos seus parques, que se fixeron moi populares na época da pandemia. Unha das zonas verdes máis frecuentadas é a ruta do río Eifonso, un percorrido duns cinco quilómetros paralelo á baixada do río que lle dá nome, entre abeleiras e carballos. Durante a camiñada pasamos por doce antigos muíños —un deles completamente restaurado e funcional—, un serradoiro hidráulico, un poboado abandonado, calzadas empedradas, a capela de San Cibrán e a fervenza de Bouzafría. A parroquia é moi rica en auga e ten corenta mananciais catalogados, dos que se abastece a veciñanza dos barrios altos.
Tamén destaca o parque do Pouso, unha lomba habitada desde a época castrexa na que hoxe atopamos un merendeiro. Hai pouco, esta zona foi dotada de grellas para churrasco, construídas de tal xeito que é seguro e legal utilizalas en calquera época do ano, tamén no verán. Sobre o Pouso está o alto de Xestoso, con impoñentes vistas ás rías de Vigo e Pontevedra e no que aínda podemos observar vestixios dun antigo castro e unha posterior muralla.
Outro dos trazos distintivos dos habitantes de Bembrive é que «somos moi festeiros», di con rotundidade a alcaldesa. Na parroquia contan con varias festas senlleiras. Ademais do San Brais, que se está a celebrar neste momento, tamén ten moito seguimento aquí o Entroido; fan unha festa da sidra, celebran o seu patrón —o apóstolo Santiago— e organizan unha romaría polo San Cibrán. Todas estas festas teñen algo en común (entre elas e con todas as de Galicia): a música e a comida. A música tradicional ten un profundo arraigamento en Bembrive, que conta con rondalla desde 1942, banda e unha escola na que se ensina gaita, violín, saxofón e danza galega, ademais de teatro e tai-chi. O Centro Cultural Helios é o corazón da vida cultural da parroquia.
Bembrive enfróntase na actualidade a unha ameaza significativa pola planeada ampliación da autovía A-52, que unirá Puxeiros coa avenida de Madrid. Á falta de coñecerse a última versión, o proxecto inclúe unha estrada principal, dúas grandes rotondas e un túnel que atravesaría a parroquia. A cidadanía estase a organizar recollendo alegacións contra o proxecto a través da plataforma Bembrive en Pé. Para Roberto Estévez, portavoz deste movemento cidadán, a ampliación supón unha grande ameaza, pois «rompería a parroquia tal e como a coñecemos». Destaca o potencial que ten de destruír a vida e a cultura local, xunto co impacto ao medio ambiente e ás familias afectadas polas obras, e cualifica o proxecto de «desastre ecolóxico». Pola súa banda, a entidade local menor ve complicada a paralización das obras e prioriza a defensa dos veciños afectados polas expropiacións, que polo momento se estima que son dezaoito. Moita xente na parroquia cre que o proxecto é innecesario e que podería evitarse liberando da peaxe a AP-9.
PANADERÍA SAN BLAS
Hai oito anos Josefa Figueroa, de Redondela, visitaba habitualmente Bembrive como seguidora do equipo feminino de fútbol sala da parroquia. Naquela altura traballaba na hostalería e sentíase atraída pola idea de emprender o seu propio negocio. «Se podo facelo para un xefe, tamén podo facelo para min», pensou ao pasar diante dun local en Bembrive co cartel de «Alúgase». Pese a non ser do barrio, Pepi, como todos a coñecen, decidiu abrir aquí o seu negocio pola boa situación do local. Desde o primeiro momento sentiuse ben acollida pola nova comunidade e non tardou en ampliar o café e a panadería.
O principal motivo do éxito é a calidade do produto que ofrece: pans tradicionais e de fariñas especiais, empanadas artesás cocidas en forno de leña e unha gran variedade de tortas e bolos «que nada teñen que ver co sabor dos industriais». En San Blas non producen, pero traballan con tres obradoiros artesanais da zona, o que lles permite ter un amplo abano de produtos á venda garantindo a frescura de todos eles. Tamén recollen encargos de todo tipo, desde piononos e empanadas ata pastelería personalizada para aniversarios ou ocasións especiais.
Á parte de despacho, San Blas é unha cafetería de ambiente relaxado e familiar na que «non se pon fútbol nin música alta» para manter unha atmosfera acolledora. Ademais da oferta do mostrador, Pepi ofrece unha carta de cafés, zumes e torradas. Os zumes elabóranse no momento con produtos frescos e de tempada e son un dos principais reclamos. As torradas, tamén feitas a demanda, levan ingredientes coma tomate, xamón ou aguacate.
O local está situado na zona comercial da parroquia, preto da sede da entidade local menor e da igrexa, así que acostuma ter abundante clientela, especialmente nos meses de sol, cando instala unha ampla terraza. Abre todos os días do ano excepto Nadal e Aninovo, polo que Pepi recoñece que, a pesar de contar con cinco persoas en nómina, pasa «máis tempo no local ca na casa».
Rúa do Monte Calvario, 2 | 986 95 38 49 | Facebook: Café-Pastelería San Blas
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Bembrive, o pulmón verde de Vigo que necesita ser protexido - 31 Xaneiro, 2025
- San Brais, sinfonía de viño e tradición - 30 Xaneiro, 2025
- Onde comer en Vigo e arredores: guía dos mellores restaurantes - 25 Xaneiro, 2025
- Felicetta Gualtieri ensínanos a facer a nosa propia roupa sostible - 21 Xaneiro, 2025
- Los Punsetes, Iván Ferreiro e festa swing para comezar o 2025 - 31 Decembro, 2024