UVIGO
REVISTA NADAL

O Calvario: un paseo obreiro e comercial

O Calvario é un dos barrios con máis vida diurna da cidade, e mantén un carácter propio doutros tempos. Mercados, tranvías e peonalizacións marcaron ao longo das décadas a súa morfoloxía e historia, moi marcada tamén pola música e o cine. Repasamos algúns dos fitos máis salientables e destacamos algúns locais do barrio nos que paga a pena facer unha parada.

Ilustración de Héctor Pichel

Nunha época na que o turismo de masas e a xentrificación xa están asentados, a figura do barrio vese case como algo arcaico, unha estrañeza detida no tempo. Malia a aparente tranquilidade, O Calvario é un espazo en continua evolución. Cada mañá mostra un vaivén constante de xente, especialmente esas persoas máis vellas que frecuentan o mercado, un lugar cun século de historia. Un edificio que cada certo tempo cambia o peixe e o xamón pola artesanía galega nesa feira coñecida como «O Mercado da Arte», unha proposta dinamizadora que goza dunha moi boa acollida entre a veciñanza de Vigo.

A finais do século XIX, grazas ao tranvía, a zona comezou a recibir cada vez máis visitantes. Antes da urbanización, era unha área de «terras de labor, viñas e froiteiras e algunha casiña illada», segundo escribe Iván Sestay no libro Toponimia do Val do Fragoso. Lavadores. Sestay tamén nos conta a orixe do topónimo, que se usa polo menos desde o século XVIII: «Un calvario é o conxunto de tres cruces que existiu no lugar ata principios do século XX, cuxa cruz central se situaba na actual rúa do Cristo». Ese cruceiro, conta, foi derrubado unha noite de esmorga por un mendigo coñecido como O Reuto da Ceboleira, e daquela decidiuse trasladalo á portada da igrexa de Lavadores, onde se atopa na actualidade.

A década dos anos sesenta do século XX fai que este extremo da actual rúa de Urzaiz (en tempos escuros bautizada primeiro co nome do capitán golpista García Hernández e despois co do falanxista José Antonio Primo de Rivera) acollese moita xente que chegaba desde o interior de Galicia para traballar na industria urbana. O espírito humilde e obreiro aínda permanece na actualidade. En 2017, segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE), O Calvario figuraba entre os 15 barrios con menor renda media de España e, en 2023, algunhas zonas estaban entre o 23 % máis pobre do Estado.

Tanto no aspecto social como no laboral, os anos oitenta foron duros en Vigo. As reconversións industriais e a droga causaron estragos en toda a cidade e O Calvario non foi unha excepción. O músico e deseñador Rubén Suárez, oriúndo do barrio, lembra ver, desde a fiestra do instituto, xente consumindo heroína a plena luz do día. Como contraposición, tamén foi o berce dalgúns dos proxectos musicais máis relevantes da historia local: no Calvario naceu Antón Reixa, membro do grupo poético Rompente e líder da banda de rock Os Resentidos; no instituto da zona estudaron Alberto Torrado, Julián Hernández, Miguel Costas ou Silvino Díaz, que pouco despois fundarían as bandas Siniestro Total e Aerolíneas Federales. Anos máis tarde coinciden nesas mesmas paredes Eladio Santos —que daquela tocaba no grupo de hardcore Juerga General—, Óscar Liboreiro, Xavier Viéitez e o amentado Rubén, que formaron unha das bandas máis icónicas dos noventa na urbe viguesa: Foggy Mental Breakdown, e que no futuro serían parte de proxectos tan diversos como Eladio y los Seres Queridos, Family Folks, High Sierras, Medusa, The Soul Jacket ou  Transylvanians.

Foggy Mental Breakdown | Cedida

Nos recreos saían do instituto e percorrían ás présas o canellón de San Paulo (que tiña un fedorento desaugadoiro á vista) para chegaren ás tendas de segunda man da rúa do Pino. Estes rapaces volvían ás aulas, en vez de coa merenda, cun botín en forma de discos de vinilo vellos baixo o brazo. Doutro instituto, pero con orixe no Calvario e tamén membro dos Foggy, é o músico Óscar Avendaño, fillo do rexente do bar La Abundancia.

Estas bandas non só se formaron no barrio, senón que tamén ensaiaban nel: o local que compartían Resentidos e Siniestro estaba na rúa do Talude, namentres que o centro social que usaba Foggy Mental Breakdown entre outros grupos estaba situado na rúa de San Roque. Seguindo coa música, o bazar Alvarito subministraba singles de todo tipo e na zona alta da rúa de Jenaro de la Fuente estaba situada a tenda de discos El Bronx, talvez bautizada así pola dureza do territorio. Dura tamén era a música que alí se vendía: hardcore, metal, punk… Á volta da esquina, actualmente atopamos outra tenda de discos, pero enfocada en música galega: Inquedanzas Sonoras.

Pode parecer estraño hoxe en día, pero O Calvario contou con varias salas de cinema, como os recordados cines Avenida e Palermo, situados ambos os dous na rúa de Sagunto; o cine Caramuxo, na rúa de Ramón Nieto, ou os Minicines do cruce dos Choróns. Eran moi habituais as sesións continuas, especialmente con programa dobre: pasábanse en bucle dúas películas ao longo da xornada e podíase entrar e saír da sala a calquera hora durante a proxección. Avendaño lembra que un deses dous filmes acostumaba ser de artes marciais, con actores que imitaban a Bruce Lee mesmo no nome. Para compensar, o músico viu na pantalla do cine Avenida títulos tan senlleiros como O bo o feo e o malo, A guerra das galaxias, Rambo, A historia interminable ou un ciclo dos irmáns Marx.

A asturiana Encarna Álvarez chegou a Vigo nos anos oitenta e abriu unha óptica co nome da cidade na rúa de Urzaiz. Percibía que ao barrio lle faltaban moitas cousas e o primeiro que fixo foi formar parte da asociación veciñal do Calvario, fundada en 1976, e despois crear unha asociación específica para comerciantes da zona. Primeiro como vogal, asumiría despois a máxima responsabilidade cando chegou aos seus oídos un proxecto que mudaría para sempre o seu novo fogar.

Encarna Álvarez | P. Vázquez

Co século XXI, chegou o gran cambio para O Calvario. Todo o mundo coincide en que marcou un antes e un despois e, a pesar das as críticas iniciais, o cambio foi, sen dúbida, para mellor. Falamos da peonalización en 2003 do final da rúa de Urzaiz, desde o número 145 ata o 204, ademais dun pequeno tramo da rúa de Ramón Nieto e doutras vías transversais. Encarna lembra como era pasear polo Calvario antes da grande obra: beirarrúas estreitas a máis non poder e moito tráfico, especialmente antes de 1991, cando se abre en paralelo a rúa de Jenaro de la Fuente.

A empresaria propúxose convencer, un por un, os responsables de todos os locais da zona sobre os beneficios da peonalización. Ao xeito en que acontece agora en situacións similares, moitos mostrábanse reticentes ao cambio, pois pensaban que ao reducirse o tráfico automobilístico tamén minguaría a clientela: «Custou moito, foi unha loita comercial forte. Eu entendía os comerciantes, porque non querían ter unha máquina traballando diante do local durante medio ano», explica, ademais de que este tipo de actuacións non eran moi comúns daquela e, xa que logo, había moito descoñecemento.

Para acabar de sumar a todos á causa común, a Encarna ocorréuselle unha xogada brillante: coller unha decena de comerciantes e concelleiros e levalos de excursión a un lugar onde unha peonalización similar non trouxese máis que vantaxes: Oviedo. Como se dunha visita a Lourdes se tratase, todos volveron fieis conversos á relixión do urbanismo antropocentrista. Os que ao primeiro non querían a obra foron os primeiros en volverse pregoeiros das súas virtudes. Tamén houbo o caso contrario: comerciantes que abandonaron a asociación como protesta e, malia ver que estaban equivocados, preferiron non tragar o orgullo e manterse firmes no desplante. Esta é unha das grandes penas de Encarna, cuxo obxectivo profesional —e case vital— sempre foi reunir todo o comercio de proximidade baixo o paraugas da Asociación de Comerciantes e Empresarios do Calvario.

Hoxe ninguén concibe O Calvario doutro xeito sen «a peonil», un tramo da rúa de Urzaiz que destaca pola gran variedade de comercios (aparcadoiros, bazares, cafeterías, farmacias, froiterías, librerías, panaderías, supermercados, xoierías, zapaterías…) e pola constante actividade diúrna, especialmente en horario matutino. A chegada de inmigrantes de diferentes zonas do mundo (principalmente do norte de África, América do Sur e Asia), tamén se percibe na apertura de locais comerciais e gastronómicos propios destes lugares. A pesar de golpes tan duros como a crise económica de 2008 ou a pandemia de covid-19, a zona mantén un forte músculo comercial e unha vida de barrio que semella allea á globalización máis feroz que invade outras zonas da cidade. O Calvario continúa o paseo máis vivo que nunca.

(Premendo no nome de cada local accédese ao artigo completo con máis información)

Panadaría e pastelería que conta cunha oferta moi variada de doces e salgados de gran calidade.

Rúa de San Roque, 101 | 986 27 65 74 | @elatelierdediegocaride

+ info

Restaurante e tapería con terraza ideal para tomar uns petiscos pola noite, probar unha ampla variedade de viños ou xantar un rico menú do día.

Rúa de Aragón, 12 | 986 71 41 97 | @lafactoriavigo

+ info

Un deses comercios de toda a vida, con máis de medio século no barrio repartindo sorte.

Rúa de Urzaiz, 191 | 986 27 69 17 | loteriasagitario.com

+ info

Tres décadas de experiencia avalan o labor deste estudio creativo composto por Pepe Fernández e Guadalupe Hernández.

Rúa Couto de San Honorato, 92 Baixo | 986 49 33 30 | info@pepefernandez.es | pepefernandez.es

+ info

REVISTA NADAL

Cafetería que mestura produtos da gastronomía brasileira con gorentosos brunch.

Rúa de Monforte de Lemos, 2 | 604 06 54 80 | @cafeteriaturmalina

+info