Cafetería Turmalina
O nome está tomado do municipio brasileiro do estado Minas Gerais onde se criou Samia, a responsable do negocio. Hai uns meses abriu un segundo local na parroquia de Coia, pero desde o 2020 xa podiamos atopar esta cafetería na esquina que vincula a rúa de Monforte de Lemos coa de Cataluña, nun dos laterais do mercado.

Un aliciente para visitar o espazo gastronómico de Turmalina é que se trata dun dos poucos locais da nosa cidade onde se pode catar a comida típica das rúas do Brasil, como as croquetas cheas de polo especiado denominadas coxinhas, as empanadillas fritidas chamadas rissois e o característico pão de queijo.

Capítulo á parte merecen as cuncas que se preparan en forma de batido cremoso cuberto de froitos de açaí que se trituran conxelados, cereais e paçoca (un doce típico brasileiro a base de cacahuete, mandioca e azucre). Xunto con estes sabores atopamos unha oferta máis tradicional de brunch, con bowls, panqueiques, torradas e deliciosas tortas caseiras.

No apartado das bebidas, ademais do zume de laranxa, destaca a extensa carta de zumes de froitas tropicais (acerola, guaiaba, guanábana, manga, maracuxá, pitaia…); ademais do célebre refresco de guaraná. Tamén unha extensa carta de cafés, que dispón de lattes aromatizados con ingredientes como a cúrcuma, a remolacha ou o té matcha, con moito colorido, moitos nutrientes e moito sabor.

Rúa de Monforte de Lemos, 2 | 604 06 54 80 | @cafeteriaturmalina
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Os concertos de Castrelos teñen un custo de arredor de tres millóns e medio de euros - 30 Xuño, 2026
- Do bar ao mundial: a evolución imparable do fútbol gaélico en Galicia - 29 Xuño, 2026
- O Vigo de Miguel Costas - 29 Xuño, 2026
- A Asociación As da Industria despídese da organización de eventos por mor das “trabas burocráticas do Concello de Vigo” - 29 Xuño, 2026
- O labirinto administrativo de Vigo: por que é tan difícil organizar un evento cultural no espazo público - 4 Xuño, 2026

