JORGE PARDO

Triqueta Editora, pequenos grandes lectores

No ano 2010 naceu en Vigo Triqueta Editora, unha editorial dedicada ao libro infantil que pon todo o empeño en cativar entre as súas páxinas aos pequerrechos da casa con historias e deseños cheos de creatividade. Esta casa editorial estará presenta nalgunhas das actividades do festival de literatura infantil e humor, HematoFesti, entre o 6 e o 10 de novembro.

Para encher a sociedade de lectores adultos, primeiro teremos que enchela de lectores infantís. Os máis pequenos da casa son un público esixente e en Triqueta Editora sábeno ben, por iso esta editorial toma moi en serio a literatura infantil, que implica colorido, diversión e xogo. Os catro piares desta editorial con selo de calidade vigués son Víctor Mascato (dirección e edición), Laura Losada (maquetaxe), Iván R. Castro (dirección creativa e edición) e Marisol Mascato (administración). No ano 2010 decidíronse a revolucionar o mundo do libro infantil con propostas innovadoras, coloristas e delirantes. En galego, español e catalán, no seu catálogo atopamos lobos bos, aprendemos a debuxar un pato, coñecemos a un burro e mesmo falamos con superheroes e dinosauros.

Triqueta Editora trata con agarimo o texto, o debuxo e a edición para que desde calquera idade se poida acceder a libros de calidade, formando así os lectores do futuro. Ademais, o catálogo é tamén unha invitación para que os adultos volvan á infancia. Anímate a gozar de títulos como Federico, de Jesús Castro e Iván R., e verás que a literatura infantil non entende de idades. Deixa voar a imaxinación e bríndalle á rapazada a oportunidade para medrar con esta aposta polos lectores do futuro.

@triqueta_editora | triquetaverde.com

DEPO
The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 1992 preto do mar. É filóloga, escritora e correctora literaria, amiga do analóxico, a cultura e a moda vintage. No 2021 foi unha das dez escritoras seleccionadas da Residencia Literaria da Cidade da Cultura dirixida por Javier Peña. No 2025 publicou a súa primeira novela. Poderás atopar a Estela na biblioteca, no cine, no museo, no teatro, nun concerto ou no centro da cidade lendo un libro ao sol.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)