REVISTA NOVEMBRO

A cociñar: cocido galego

Coa baixada das temperaturas volve a tempada dos pratos de culler e das comidas máis opíparas e, sen dúbida, un dos pratos estrela desta época é o cocido. A elaboración esixe máis tempo que destreza e a chave está na calidade das materias primas. Nesta ocasión imos empregar as carnes salgadas dun dos «kitsantimorriña» deseñado por Embutidos Lalinense especialmente para o cocido, coa suma de ricos vexetais propios deste prato de noso.

@amovidavigo

@cocina_con_ce 🥬🐽 Coa chegada do outono xa apetece volver aos pratos de culler. Este mes cociñamos un delicioso cocido! A receita vén acompañada dun sorteo a través da nosa conta de Instagram. Participa e leva un Kit Antimorriña de Embutidos Lalinense e un lote de Rei Zentolo. Bo proveito!

♬ sonido original – Amovida
  • Chourizos (4 unidades)
  • Costela de tira
  • Espiñazo
  • Fociño
  • Lacón duro afumado
  • Orella
  • Pezuño
  • Rabo
  • Touciño entrefebrado
  • Garavanzos (300 gramos)
  • Patacas medianas (6 unidades)
  • Verza ou repolo (1 unidade)

Poñemos a tira de costela, o espiñazo —tamén coñecido como «óso de Xoán»—, o fociño, a orella, o pezuño e o rabo de porco a desalgar en auga fría durante 24 horas, cambiando a auga cada oito horas aproximadamente. Noutro recipiente, poñemos os garavanzos de remollo durante 12 horas. Pasado ese tempo, cocemos en auga o lacón e as carnes desalgadas, retiramos a escuma e cociñamos a lume maino, durante dúas horas ou dúas horas e media. Transcorrida a primeira hora de cocción, engadimos os garavanzos, os chourizos e o touciño entrefebrado. Na última media hora, engadimos as patacas peladas e a verza lavada e cortada. Para servir, colocamos nunha bandexa a carne, e noutra os vexetais. Reservamos a auga da cocción para elaborar un saboroso caldo ou sopa que podemos poñer como entrante para quecer a barriga e abrir o apetito. A sobremesa ideal para este prato tan sobranceiro é o queixo cremoso con marmelo artesán sen glute que inclúe o «kit antimorriña» especial para cocido de Embutidos Lalinense.

Desde 1949, esta empresa familiar presume de orixe levando por todo o país o xentilicio da comarca de Lalín, corazón da industria agroalimentaria galega. Dedicándose á elaboración de embutidos e demais produtos cárnicos, segue un proceso de fabricación rigoroso no que se aposta pola calidade e a elaboración artesanal. Entre os produtos que se ofrecen a través da súa tenda en liña atopamos o «kit antimorriña»que inclúe todos os produtos cárnicos necesarios para elaborar un bo cocido galego, que se pode recibir no punto xeográfico que escollamos. Se preferimos a compra presencial, os produtos desta firma están dispoñibles en numerosos puntos da nosa cidade, como Almacenes González, La despensa de Clara as charcuterías Charo y Lila, El Rincón del Jamón, Vanesa e Vazey.

Sorteamos un Kit Antimorriña de Embutidos Lalinense con todos os produtos necesarios para elaborar un riquísimo cocido galego e un pack de camiseta, libreta e calcetíns de Rei Zentolo. Para participar no sorteo hai que entrar na nosa conta de Instagram premer gústame na publicación da receita e comentar con quen compartiríades este delicioso cocido. E tamén ser seguidor de @amovidavigo@cocina_con_ce, @embutidoslalinense,  @reizentolo_oficial. O mércores 6 de novembro ao mediodía anunciaremos a persoa gañadora.