A G-Night trae á cidade unha feira científica, danza, concertos, charlas e un paseo ao bordo do Nautilius
A Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) celebrará o vindeiro día 27 de setembro a súa cuarta edición con máis dun cento de actividades de divulgación en rúas, parques, bares e museos de moitas cidades de Galicia. En Vigo as actividades celebrarasen no Edificio Redeiras, a biblioteca Xosé Neira Vilas e o Museo Marco. Consulta aquí a programación completa.
O edificio Redeiras, na praza do Berbés, será o epicentro da G-Night en Vigo, espallándose as actividades tamén á biblioteca Xosé Neira Vilas e ao Museo Marco. Entre as 17.45 e as 22.00 horas desenvolverase en Redeiras, coa colaboración do Concello de Vigo, unha gran feira científica con máis de 20 postos. As persoas asistentes atoparán unha morea de actividades gratuítas que lle permitirán, da man de investigadores e investigadoras da UVigo e a través de amenos experimentos, achegarse ao universo, aos materiais, a acuicultura, a intelixencia artificial, monitorización de aves mariñas, o tratamento das augas, agroecoloxía, comunicacións dixitais, nanopartículas plasmónicas ou ciencia económica.
En paralelo á feira científica, entre as 18:00 e as 22:00, desenvolverase outras actividades como un espectáculo de danza, A conectividade que nos move, no que a través do baile contemporáneo, o grupo Future Oceans Lab do CIM, amosará os mecanismos que sosteñen a conectividade ecolóxica e os desafíos as que se enfronta por causa da intervención humana. Pola súa banda, o docente e investigador Gianluca Marino (Geoma-CIM) ofrecerá unha charla titulada Como se vía o planeta durante as idades do xeo e o docente Jorge Vila Biglieri (Departamento de Economía Financeira de Contabilidade) impartirá o obradoiro En busca da felicidade financeira e a xubilación anticipada. Poden as matemáticas predicir unha epidemia en plantas? a cargo de Carlos Meniño e Noelia Bazarra (CITMAga); Son os insectos a alimentación do futuro? por Nuno Muñoz (Grupo BiotecnIA); E ti que sabes das Illas Atlánticas? con Andreu Blanco (CIM) e Que ten que ver Darwin co cancro? a cargo de David Posada (CINBIO), son os relatorios que completan o programa de actividades que rematará cun concerto de Pärbo Duet, formado por Anxo Pintos e Begoña Riobó.
Pola súa banda, a terraza da biblioteca Neira Vilas acollerá entre as 19.30 e as 21.00 horas a charla científica Na procura da potencia perdida: a España solar que non foi con Ana Larrañaga, do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e Juan Jesús Rico, do Laboratory of Transport Processes da TU Dortmund e colaborador do GTE do Cintecx, na que abordarán, tanto os éxitos, como os desafíos, que enfrontou España neste campo. Mentres, no espazo anexo ao Marco, entre as 17 e as 21 horas, persoal investigador e técnico do Centro Oceanográfico de Vigo compartirá o seu traballo coa sociedade a través de talleres científicos, poñendo o foco no labor de asesoramento científico que realiza para diferentes administracións.
As actividades da G-Night en Vigo complétanse cun paseo científico a bordo da embarcación Nautilius organizado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). O público de tódalas idades poderá descubrir a diversidade mariña do fondo da Ría gracias ao robot que leva o barco. É preciso reservar praza en noiteinvestigadores@iim.csic.es indicando idade, nome e DNI. Así mesmo, os días previos á celebración da G-Night desenvolveranse relatorios de investigadoras e investigadores da UVigo en centros escolares e institutos da cidade, no marco da iniciativa Researchers at Schools.