GFFF
GFFF

Nace Caixa de Ritmos, unha nova escola para bailar e facer comunidade no centro de Vigo

Onte inaugurouse no corazón de Vigo Caixa de Ritmos, unha escola de danza impulsada polos creadores de Swing On na que ademais de Lindy hop e jazz atoparemos outras disciplinas como afro, contemporánea, dancehall, hip hop ou house. Do 23 ao 27 celebran a semana de portas abertas.

Hai doce anos que Elena e Jorge empezaron a dar clases de swing baixo o nome Swing On. Hoxe, cun alumnado asentado e en crecemento, apostan por abrir a escola de danza Caixa de Ritmos, que bota a andar este mes e na que, ademais dos cursos de Lindy hop e jazz para todos os niveis polos que xa son coñecidos, encontramos outros tipos de danzas: afro, contemporánea, dancehall, hip hop, house etc. Para quen non saiba por cal destes bailes decidirse, é posible probar as diferentes disciplinas na semana de portas abertas que celebran a partir do luns 23. Difícil atopar unha localización mellor: no céntrico (pero tranquilo) Calexón dos Canos, a escasos metros do Teatro García Barbón.

GNIGHT

Para inaugurar este novo espazo organizaron un pequeno mercado con produtos textís e ilustración de artistas locais. Tamén aproveitaron para gravar en directo un episodio do podcast Lo que Vigo esconde. Non faltou a música nin uns deliciosos petiscos para dar a benvida a todas as persoas que quxesen coñecer as instalacións, compostas por varias amplas salas de baile.

Os sinais de identidade do espazo son o interese e o respecto pola historia dos bailes que ensaian, moitos deles de orixe afroamericana. Ademais da práctica física, as docentes fan fincapé no coñecemento e na apreciación da cultura e os movementos sociais nos que se orixinou cada baile. Do mesmo xeito que veñen facendo con Swing On, Elena e Jorge teñen en mente a organización de eventos de baile, música e cultura , tanto no propio local como na rúa.

Canellón dos Canos, 9 | caixaderitmos.com | @caixaderitmos_vigo