Pantomima Full, La Ruina, Héctor Alterio ou Cayetana Guillén-Cuervo visitan este outono o Teatro García Barbón
Trece obras de teatro, sete concertos de música popular e catro de clásica, danza, ballet, ópera, monólogos e tamén maxia. Así, ata 35 propostas en catro meses. É a oferta de espectáculos do Teatro García Barbón para o outono e o mes de decembro.
A programación para este outono no Teatro García Barbón comeza e remata con dous concertos promovidos en colaboración con colectivos culturais e artistas de Vigo e Galicia. O 14 de setembro, e da man da asociación Amigos de la Ópera de Vigo, dan inicio as sesións do «Outono Lírico» cun recital das máis interesantes arias, escenas e dúos do compositor italiano Giuseppe Verdi. E como peche do ano, o 30 de decembro, o multiinstrumentista Abraham Cupeiro chegará ao teatro para propoñerlle ás persoas asistentes unha viaxe musical e sonora polas mitoloxías árabes, célticas, romanas e gregas.
En canto á Tempada de Música Clásica, o próximo 8 de setembro remata o prazo para adquirir o abono que permite acudir a todos os espectáculos por un prezo de 50 euros. As actuacións serán tres: a Orquestra Sinfónica de Galicia o 17 de outubro, a Real Filharmonía de Galicia (estrea absoluta da obra Ceci n’est pas une valse) o 8 de novembro e o Orfeón Terra A Nosa o 9 de decembro.
Obras teatrais e comedia
No tocante ás artes escénicas, a programación do Teatro García Barbón inclúe un total de 13 obras teatrais. Polo escenario pasarán intérpretes de referencia na escena en España, como Cayetana Guillén-Cuervo, María Luisa Merlo ou Héctor Alterio, e tamén algunhas das máis celebradas propostas de comedia dos últimos tempos: desde Pantomima Full a Facu Díaz e Miguel Maldonado. A estas propostas podemos sumar, só en setembro, a exitosa comedia Corta el cable rojo, que leva 12 anos nos escenarios en Madrid; David Cepo con No cruces los brazos; o show La Ruina, con Ignasi Taltavull & Tomàs Fuentes, no que o público participa e é parte importante do elenco, e o monologuista Pablo Ibarburu, que presenta Chico glamour.
A Tempada de Abono de Teatro de Afundación en Vigo comezará con Una pequeña historia, na que Héctor Alterio defende sobre o escenario un percorrido pola súa traxectoria persoal e profesional. En outubro programouse La mujer sin nombre: Señora de Macbeth, dirixida polo tres veces Premio Nacional de Teatro e exdirector do Centro Dramático Nacional José Carlos Plaza. En novembro, a tempada continuará coa comedia Mentiras inteligentes, protagonizada por Maria Luisa Merlo. Xa en decembro, Cayetana Guillén-Cuervo liderará o reparto de Pandataria, unha obra que volve sobre o momento no que, durante a ditadura de Mussolini, un grupo de prisioneiros redacta o Manifesto de Ventotene, unha proclama en defensa dunha Europa libre, un texto considerado precursor da idea do federalismo europeo.
Fóra da Tempada de Teatro atopamos comedias como Comandante Lara, en outubro, ou os shows de Pantomima Full e Facu Díaz e Miguel Maldonado, xa en novembro, son parte tamén da proposta escénica. Ademais, no mes de outubro, hai dúas citas para os amantes da ópera: unha sesión dedicada ás cancións de cámara de Puccini e a representación de Madama Butterfly coa participación dos músicos locais da Orquesta Sinfónica Vigo 430 e do Coro Rías Baixas. Os ballets clásicos O lago dos cisnes e O crebanoces poderán verse os días 16 de outubro e 16 de decembro, respectivamente. A danza contemporánea chegará da man do espectáculo Momix-Alice o 29 de novembro.
Música e maxia
A programación de música popular inclúe un total de oito citas. Comezará con dous musicais: o tributo a Michael Jackson Michael’s Legacy, o 29 de setembro, e o 4 de outubro con Friend’s: The Musical Parody, construída a partir dos personaxes e as historias da serie televisiva da que colle o seu nome. Antes de que acabe o ano, chegarán os concertos de Los Brincos, Los Secretos e un tributo a Queen. E tamén os recitais de Amancio Prada, o 17 de novembro, e de Carlos Núñez, que volve un decembro máis –o día 23– ao Teatro García Barbón. Haberá, ademais, dous citas coa maxia. Trátase da Gran Gala Internacional Galicia Ilusiona, o 19 de outubro, e da oitava edición do Galicia Magic Fest, outro clásico do mes de decembro na cidade.
13/09 Outono Lírico: Viva Verdi
20/09 Corta el cable rojo
21/09 David Cepo
26/09 Una pequeña historia
28/09 La Ruina
28/09 Pablo Ibarburu
29/09 Michael’s Legacy
04/10 Firends: The Musical Parody
05/10 Outono Lírico: Puccini. Terra e mare
10/10 La mujer sin nombre: Señora de Macbeth
12/10 Comandante Lara & Cía
16/10 O lago dos cisnes
17/10 Orquestra Sinfónica de Galicia
18/10 Queen Revolution
19/10 Galicia Ilusiona
27/10 Outono Lírico: Madama Butterfly
01-02/11 Pantomima Full
07/11 Mentiras inteligentes
08/11 Real Filharmonía de Galicia
11/11 Mujeres: La Dramedia
15/11 Facu Díaz e Miguel Maldonado
17/11 Amancio Prada
22/11 Momix – Alice
27/11 Led Varela
29/11 Los Brincos
30/11 Musical Los Secretos
09/12 Orfeón Terra a Nosa
12/12 Pandataria
23/12 Carlos Núñez
30/12 Abraham Cupeiro & Orquestra Gaos
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024
- O mestre e editor Manuel Bragado recibirá no HematoFesti o Premio de honra “Lenda do recreo” - 4 Novembro, 2024
- Musicav, un cóctel sonoro ideal para o outono - 31 Outubro, 2024
- Novidades musicais viguesas para desfrutar do outono - 10 Outubro, 2024
- Concertos homenaxe a Batman e Ennio Morricone, Matt Pascale e ‘O Pequeno Poni’ esta fin de semana en Vigo - 10 Outubro, 2024