Percorremos os oito novos murais de Vigo Cidade de Cor 2024
A iniciativa Vigo cidade de cor leva dez anos convertindo as medianeiras e pavimentos grises da cidade en grandes cadros de artistas galegos e internacionais expertos en muralismo e graffitti. Nesta edición son oito as novas pezas que se están a rematar en muros, pistas deportivas e mesmo o paseo de Coia, sumando un total de 117 ata o día de hoxe.
Fotos: Lara Alonso
Anna Langeheldt no Auditorio Municipal de Teis
Coñecida como Lahe178 no ámbito da arte urbana, Anna Langeheldt é unha recoñecida artista que traballa tanto a ilustración como os grandes murais e a arte urbana. É licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, cidade na que reside e traballa como freelance e forma parte da Asociación de Ilustradores de Sevilla Garabattagge Ilustra.
O seu mural ocupa dous laterais do Auditorio de Teis e nel vemos u xardín de rosas e unha nena cos ollos pechados, saíndo despedida desde unha das flores. A súa autora descríbeo en Instagram como “unha nena cabezona que vivía nunha casiña nun xardín precioso cheo de flores e espiñas. Todas as noites, mentres durmía, sen sabelo transformábase en cometa e sucaba os ceos para falar coas estrelas”.
Eva Casais no aparcadoiro da Asociación de Vecinos de Matamá
Eva Casais é unha deseñadora galega que desenvolve o seu traballo entre a cerámica, a ilustración e os murais. O seu estilo caracterízase pola naturalidade, as liñas orgánicas e a imperfección como carácterística inevitable do proceso artesán.
Casais é ademais unha amante dos animais, especialmente dos cans, e a eles adícalles este mural, titulado La estación en el cielo, no que podemos ver un tres ocupado por cans que se desliza sobre o arco da vella. Conta a artista que o mural “está dedicado a todos os animais que morren sen saber o que é o amor dun fogar”.
Expostas na rúa Esperanto, 3
O colectivo Expostas, capitaneado pola viguesa Vanesa Álvarez, é coñecido por dar visiilidade a mulleres de diferentes ámbitos nos seus traballos de gran formato. En Vigo xa contamos con outros tres traballos deste grupo nos que se retratan mulleres pioneiras, escritoras e deportistas. Nesta ocasión a obra rende homenaxe a cinco investigadoras galegas. Sobre fondo azul podemos ver a Carmen Misa, Amparo Alonso Betanzos, Marisol Soengas, Josefina Ling e María Elena Vázquez Cendón.
Pablo Loyola na rúa Robleda ,118
O vigués Pablo Loyola asina o seu segundo mural dentro do programa Vigo Cidade de Cor, despois de resultar gañador da Batalla Mural na pasada edición. O moucho da vía é un primeiro plano da cara desta ave, co reflexo do tren nos seus ollos. Está emprazado cara a Vía Verde, antigas vías do tren.
Loyola ten formación como enxeñeiro, pero dedícase profesionalmente ao graffitt, tanto en espazos públicos, como negocios e casas privadas que requiren da súa arte para decorar muros. Para el, ambos mundos están relacionados. “Aínda que parece haber unha gran diferenza entre a miña formación como enxeñeiro e a miña paixón pola arte, vexo unha gran conexión entre os dous campos. Ambos requiren atención ao detalle e habilidades para resolver problemas”.
Slim Safont, no Campo de fútbol de Coia
Nacido en Barcelona e licenciado en Belas Artes o artista Slim Safont comezou aos 12 anos a entrar no universo da arte urbano e a pintura. Muralista e pintor, interesado principalmente na arte urbana e as intervencións no espazo público, as súas obras son pinturas de gran formato que utilizan as paredes das rúas como lenzo. Traballa temas ligados ao cotián a través dunha linguaxe pictórica figurativo, realista e de carácter neo impresionista.
Vanesa Álvarez, no paseo peatonal da avenida de Castelao
A artista viguesa fincada en Nova York asina o primeiro mural colaborativo de Vigo Cidade de Cor, que pintou ao longo de sete días xunto a 170 persoas voluntarias no antigo varril bici do barrio. O mural recibe o nome de Coida Coia e ten unha extensión de 2400 metros catrados sobre o pavimento, extendéndose entre Praza América ata a rotonda do Alfageme. Xa anunciou que o ano que vén continuará a obra desde o Alfageme ata os volcáns.
Esta idea nace tras facer unha peza similar en Union Square, no corazón de Manhattan. Vanesa, residente en Nova York desde hai uns cantos anos, realizou un mural de 2000 metros cadrados cheo de cor coa axuda de 150 veciños e veciñas do barrio.
Víctor Playincolors na pista deportiva da Salgueira
Víctor é un artista multidisciplinar que tingue de cor os espazos deportivos e edificios en desuso. Gústalle pintar en calquera tipo de superficie como as pistas deportivas que son de formigón gris e aseméllanse a un lenzo, e ten un estilo abstracto e moi colorista. Estudou Marketing e Relacións públicas, pero leva pintando desde os 10 anos e o grafiti sempre estivo na súa vida. Formouse en Barcelona e Estados Unidos. Entre os seus traballos está o silo de Archidona que encheu de cor o pobo.
Zesar Bahamonte, na rúa Ourense esquina Romil
No muro das pistas deportivas da Escola Fleming atopamos o longo mural do artista urbanocoñecido como Zesar Bahamonde. Naceu en Sevilla, onde creceu debuxando cómics e pintando grafiti ata que orientou os seus estudos cara á arte visual. A forma e a cor son os piares da súa personalidade e pensamento retratando así ás persoas que fan e deixan facer. Reproduce a beleza das relacións humanas, no amor, na creación e na amizade, e enténdeas como o feito que nos achega á nosa natureza humana. Usa paletas de cores vibrantes e harmónicas, combinadas con formas libres, sinuosas e ingrávidas. Nos últimos anos repartiu murais en gran parte de América do Sur e Europa, incluíndo lugares destacados como Sao Paulo, Cidade de México, Barcelona, Lisboa, Buenos Aires, Bogotá, Jerusalem, Amsterdam ou París.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024