Costeira Sonora, festival de viño e música en Cenlle
O Pazo de Toubes acolle o próximo 5 de outubro unha nova edición do Festival Costeira Sonora, unha cita que conta con dous grandes atractivos: a localización entre viñedos e as actuacións de Club del Río, Joe Crepúsculo, Lontreira, Malamute e Terrae.
A bodega Viña Costeira repite por quinto ano na organización dun festival de música nacional nas instalacións do seu Pazo de Toubes, unha construcción do1742 que naceu como bodega e hoxe está adicada a actividades de gastronomía e enoturismo. Costeira Sonora celébrase o 5 de outubro, como celebración do fin da vendimia, e, ademais de realizarse nun espazo senlleiro de espectacular beleza natural e histórica, conta cunha interesante programación musical e un showcooking a cargo do chef do restaurante do pazo, novidade este ano.
As entradas están dispoñibles na web da bodega a partir de 50,00 €. Existe a posibilidade de reservar tamén viaxe en autobús desde Ourense e Ribadavia, con saídas tanto pola mañá como pola tarde e dúas opcións de horarios para a volta. Esta é unha opción moi recomendable xa que o pazo conta con pouco espazo de aparcadoiro e permitiranos desfrutar dos viños da bodega de xeito seguro.
Ao longo da xornada, cinco concertos e dúas sesións DJ sucederanse en varios espazos do pazo. Os cabezas de cartel son a banda madrileña Club del Río, integrada por sete amigos da infancia que están a celebrar unha década sobre os escenaris cun novo traballo, ‘Todo alrededor’; e Joe Crepúsculo, cantautor sobre ritmos disco e techno con cancións lixeiras pensadas para poñer o público a bailar.
Tamén estarán no pazo a banda galega Lontreiras coa súa mestura de musicas tradicionais de diferentes partes do mundo; os cántabros Malamute, co seu pop fresco e inxenuo. Unha das acrtuacións máis diferentes será a de Terrae, proxectu que une música e audiovisual e que propón unha “simbiose entre humanos e natureza a través do baile”. Como DJ contarase coas sesións de Isaac Pedrouzo (tamén escritor e dono do pub ourensán Torgal) e Rapariga DJ, amande dos ritmos groove e disco.
As persoas que non poidan acudir ao festival, poden visitar o PAzo de Toubes durante todo o ano nalgunha das súas visitas guiadas. Hainas para todos os gustos e petos: visitas con brunch, con picnic entre as viñas ou con comida degustación; tamén paseos en bicicleta eléctrica e en barco. Para os que teñan curiosidade en coñecer o proceso de elaboración do viño, Viña Costeira tamén ten visitas regulares á súa fábrica, situada na entrada a Ribadavia e con vistas espectaculares sobre o río Miño.