VIALIA
PLAYDOC

Música entre viñedos na cuarta edición de Costeira Sonora

Música, viño e o exclusivo entorno do pazo de Toubes son os ingredientes do festival Costeira Sonora, que se celebra o 23 de setembro en Ribadavia con Lusillón e Floridablanca como cabezas de cartel.

A bodega Viña Costeira celebra o fin da vendimia por todo o alto, cun festival que aúna música galega e española con gastronomía e viño. Costeira Sonora celebra a súa cuarta edición entre viñedos o sábado 23 de setembro, entre as 17h da tarde e as 2:15h da madrugada, no Pazo de Toubes. As entradas teñen un prezo de 45,00 € e adquírense na súa web con opción a traslado en autobús desde Ribadavia e Ourense.

REVISTA MAIO

Os concertos sucédense durante toda a tarde en varias localizacións do pazo. Un dos cabezas de cartel son a banda madrileña Floridablanca, grupo de pop alegre e tropical con toques funky e disco. Tamén encabeza o cartel Lusillón, proxecto de Lucía Juan Casamayor, nado en plena pandemia cunha guitarra española e voz. O seu estilo íntimo fusiona indie, bossa nova e soul con aires de bedroom pop. A xoven cantautora ten un disco publicado Pensando mucho y mal e actuou na última edición de Mad Cool.

Catuxa Salom está a irrumpir con forza nos festivais galegos. As súas cancións son un canto á vida rural, onde o folclore galego fusiónase con ritmos tribais latinoamericanos baixo un interesante envoltorio electrónico. Tamén poderemos escoitar a Sila Lua, artista viguesa afincada en Madrid cun marcado estilo urbano moi aberto a experimentación e o vínculo coa electrónica. Completan o cartel musical Rocío Saiz, coñecida pola mestura de música e activismo político e LGTB+ nos seus concertos; e Calavento, dúo catalán de indie rock.

Ademais de música o atractivo do festival está no exclusivo entorno entre viñedos do pazo e bodega ribadaviense e as actividades paralelas que se desenvolven arredor da gastronomía e o viño, como os aperitivos preparados polo chef de Toubes. A bodega ofrece visitas guiadas aos seus viñedos con posibilidade de quedar a comer durante todo o ano, previa reserva na sección enoturismo da súa web.