Oito espazos museísticos participan este venres 26 na Noite Branca
Vigo celebra unha nova edición da Noite Branca na rede de museos municipais que o venres, 26 de xullo, acollen unha xornada especial na que as coleccións e as exposicións se revisten de música e outras actividades: visitas guiadas, concertos, obradoiros… para redescubrir o noso patrimonio museístico con apertura desde as 20:00 da tarde ata as 2:00 da madrugada.
No Museo de Castrelos haberá un obradoiro de cerámica castrexa de 20:30 a 22:00 (con reserva), visitas guiadas cada hora desde as 20:00 ás 23:00 (non precisa reserva) e visita libre entre as 20:00 e as 2 da madrugada. Ademais, os Xardíns de Castrelos acollerán un xogo de pistas para público de 8-14 anos (sen reserva), unha visita guiada ao xardín histórico, música e danza na parte dianteira da man do espectáculo de Neonymus “Ritos do esquecemento e memorias prehistóricas” ás 00:00; trátase de música polifónica con danza contemporánea e performance apoiada en videoproxeccións.
A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego ofrece visitas guiadas á mostra “O teu rostro na multitude. As miniaturas do Legado Policarpo Sanz e Irene Ceballos” e á nova colección Colmeiro. Tamén haberá ilusionismo de vangarda con Pedro Volta, con pases ás 20:00, 21:30, 23 e 00:30 para os que é preciso reservar. No exterior do museo, ás 20:00, poderá gozarse de Animacreques da man de Catropés: zancos e danza nunha proposta de animación e intervención na rúa. Tamén poderán facerse visitas libres 20:00 ás 2 da mañá.
A Casa das Artes programa ás 20:00 o contacontos “Sentido emocións”, para o que é preciso reservar, igual que para dous obradoiros: “Laxeiro e os seus personaxes”, 21:00, e o taller creativo “Imposibles” ás 20:30h. Poderá gozarse tamén da peza teatral “A libraría máxica” ás 22:30. A música chega á Casa das Artes da man de “Xogo de espellos” de Javier Otero Neira, ás 00:30 para público adulto, con música para piano electrónica e orquestra. Amais haberá visita libre ás exposicións: Colección Luis Torras e Fundación Laxeiro.
O museo Verbum de Samil acollerá unha intervención artística de arte urbana de Tamara Baz no exterior do museo, os obradoiros “Marabillas xiratorias”, de xoguetes ópticos ás 21:00 para nenas e nenos a partir de 5 anos e con reserva previa; e “Vestir na Idade de Ferro”, un taller de vestimenta castrexa, tamén con reserva, ás 22:30. Haberá teatro coa peza “Pum! Pum! Quen hai?”, ás 20:00, para tódolos públicos sen reserva, e a música de “El cuarto dorado”, novo disco do vigués Carlos Gil e da actriz Cora Velasco, ás 00:30 , sen reserva. Visita libre para tódolos públicos.
Na Noite Branca a Casa Galega da Cultura permite a visita libre de 20 a 2 da madrugada das exposicións do Museo Francisco Fernández del Riego e “[Bi]Sions. Dúas miradas sobre Vigo”, a mostra de fotografías de Antonio Gutiérrez e Jorge Lens.
O Marco ofrece visitas guiadas ás exposicións abertas nestes momentos ás 20:00, 22:00 e 00:00: Daniel Verbis, Bosco Caride, Laía Argüelles e On The Table. Villa Solita celebra a Noite Branca co concerto de Dúbida, ás 21:00, con entrada libre ata completar capacidade. O Museo Liste programa a exhibición “Atando no peirao”, a cargo da Asociación de Redeiras do Baixo Miño e A Guarda, ás 20:00, sen reserva, e visitas guiadas á exposición permanente e temporal ás 21:30 e ás 23:00.
PREME AQUÍ PARA CONSULTAR A PROGRAMACIÓN COMPLETA
Información e reservas
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024