Se Cadra: croquetas e cachopos ao pé de Churruca
Se Cadra é un novo local en Churruca combina as cañas, os viños e as copas cunha carta para quedar a cear.
Bailar, tomar un grolo ou asistir a actuacións musicais son reclamos propios da zona de Churruca. O bar Se Cadra, a nova incorporación do barrio, quere ir un paso máis aló combinando cervexas, viños e copas cunha carta que invita a quedar a cear nun ambiente informal, pero tranquilo. A nova apertura é cousa de Naiara e Sara, xefa de sala e de cociña respectivamente, que se coñeceron traballando no restaurante familiar da segunda. Sentíronse atraídas polo mundo da hostalería e, coa afouteza da xuventude, lanzáronse a abrir un negocio propio. O detonante foi o cartel de «alúgase» nun local da rúa de Martín Codax. «É a nosa zona preferida, tanto para tomar algo pola tarde, como para saír de festa ou ir a un concerto», explica Sara contenta de formar parte desta particular veciñanza.
Na carta encontramos caras coñecidas do tapeo: croquetas de xamón, cremosas e con moito sabor; lagostinos crocantes acompañados con salsa de soia; ovos con patacas e migas de chourizo ou táboas de chacina e queixos. Tamén serven unha moi sabedeira ensalada de tomate, ventrecha e queixo cremoso e outros pratos un pouco máis elaborados, como o lombo de sardiña afumada sobre unha brioche ou o cachopo, recheo de chacina e queixo de Cabrales. Como opción cen por cento vexetal, ofrécense uns tacos de cogomelos e lombarda. Nove pratos en total, todos caseiros e pensados para compartir e tamén dispoñen dunha carta de viños.
O local, ao que lle deron un pequeno lavado de cara, chama a atención polo teito alto con vigas de madeira, as paredes de pedra e pola cor verde que impera tras o mostrador de madeira que se ve nada máis entrar. Sara e Naiara colocaron nos muros cadros de diferentes artistas, con sinaturas locais como a de Tayone e internacionais como a de Cristina Daura, que achegan un toque de modernidade ao corte tradicional do inmoble.
Na parte de arriba Se Cadra dispón dunha saliña con sofás e mesas baixas na que tomar unhas copas con máis intimidade e un salón con ventanais de teito a chan, no que caben cómodamente vinte persoas sentadas á mesa, unha dependencia atractiva para a celebración de aniversarios e outros pequenos eventos. A posibilidade de estar ceando ou bebendo tranquilamente ao pé de Churruca é o que Naiara e Sara consideran que marca a diferenza na zona. Abren de mércores a sábado, a partir das 19:00 horas; a cociña mantense operativa ata as 23:00 e a barra… ata que o corpo aguante.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024