CAMELIAS MASCOTAS

Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas»

Ailén Kendelman (Buenos Aires, 1989) chegou a Vigo aos dez anos. Vinculada desde pequena á música, forma parte do conxunto Áureas. Logo descubriu a maxia da arte dramática e é unha das tres patas da compañía de teatro A Panadaría, que enche teatros dentro e fóra de Galicia con obras cargadas de enxeño, humor e perspectiva de xénero.

Ailén Kendelman | P. Vázquez

Os meus avós maternos son galegos e, ao igual que moita outra xente, tiveron que emigrar e marcharon á Arxentina. Alí naceron a miña nai e as miñas tías. Desde pequena estiven vinculada á cultura galega, porque ademais o meu avó era músico, a miña nai, que é gaiteira e percusionista, foi mestra de gaita no Centro Gallego de Buenos Aires. Eu nacín alá con instrumentos galegos debaixo do brazo. De feito, contan que eu de meniña durmía na fonda dun bombo. 

A miña lingua materna é o castelán, pero teño un compromiso político co galego, un compromiso que esixe falalo. No momento en que empecei a estudar arte dramática, tiven claro que a miña lingua tiña que ser a galega, porque estamos en Galicia. Opcións en castelán temos moitísimas, e hai que defender que a xuventude poida acceder a obras en galego. Mesmo cando saímos a facer obras fóra de Galicia conservamos algo en galego. A lingua é parte da nosa identidade e por iso cómpre protexela.

«Queremos falarlle á clase obreira; a burguesía é minoritaria»

Penso que dentro de min sempre estivo esa cuestión cultural, máis pola música que polo teatro, porque foi o que veu primeiro. Pero a miña intención cando rematei o bacharelato era ser médica. Fixen a proba de selectividade e non me deu a nota para entrar en medicina, e cursei un ano de fisioterapia. Non me convenceu, e foi entón cando volvín á rama artística e metinme a estudar arte dramática.

A presenza da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia debería facer de Vigo unha cidade moi teatral. O Auditorio do Concello ten programación e normalmente énchese, como é lóxico, pois estamos falando dunha sala cunha capacidade para duascentas e pico persoas na cidade máis poboada de Galicia. Pero fan falta outros espazos. O teatro de García Barbón acolleu moitas obras galegas, pero agora mesmo alí prográmase moita cousa comercial, como pezas protagonizadas por caras coñecidas da tele. Entón o que nos queda son os espazos independentes: a sala Ártika na avenida da Beiramar e o teatro Ensalle na rúa de Chile, que están facendo a función que debería facer o Concello de Vigo. Cidades como Santiago ou A Coruña teñen moitísima máis oferta cultural. Temos que reclamar a cultura como o dereito que é. Vigo precisa destinar máis cartos para a cultura, e non só para o urbanismo. 

Ailén Kendelman | P. Vázquez

É certo que a compañía de teatro absorbe moito do meu tempo, porque viaxamos fóra e ademais temos que facer traballo de oficina, pois hai unha estrutura empresarial que manter. Pero intento atopar uns momentos para facer algo de música, que para min tamén é algo moi nutritivo. Agora estou ensaiando activamente con Áureas, coa idea de ter un espectáculo que empezaríamos a mover o vindeiro outono. Na música temos un problema de profesionalización, porque non hai un convenio como hai no teatro. No teatro temos claro cando estamos falando de teatro profesional e cando falamos de teatro afeccionado. 

Vivir do teatro é moi complicado. Trabállanse moitas horas, pero moitas desas horas non repercuten no salario. Xéranse dinámicas precarias, porque unha compañía cobra cando fai bolos, pero hai meses nos que non fas ningún bolo, entón non cobras. Foi moi complicado chegar á situación actual que vive A Panadaría. Practicamente todo o que gañabamos nos primeiros anos volviámolo reinvestir na compañía para termos unha estrutura solvente. Agora xa hai bastantes anos que vivimos disto, pero sabemos que somos unhas privilexiadas, porque hai moitas compañeiras que teñen que compaxinar o teatro con outros traballos. En estados como Francia ou Bélxica hai axudas para os artistas, que cada mes dispoñen dun salario, independentemente de se están facendo bolos ou non; iso dá a tranquilidade para poder crear; porque a arte non ten que ser produtiva. Penso que as administracións deberían buscar fórmulas para que as persoas que vivimos da arte non soñemos con ser funcionarias.

«As administracións deberían buscar fórmulas para que as persoas que vivimos da arte non soñemos con ser funcionarias»

Penso que é moi importante o que pasa na infancia e na adolescencia. Cando me levaban ao teatro co instituto, íamos ver pezas como La Celestina, cun tratamento que igual non era interesante para a adolescencia. Penso que aí estamos perdendo un público potencial. É interesante fomentar os públicos xuvenís e ver como enganchalos para que escollan ir ao teatro na adultez. Pero o certo é que o que move as masas non é o teatro, son cousas coma o fútbol. Tamén é certo que o teatro sempre estivo nas marxes, e grazas a iso pode ser un medio crítico, porque de ser algo masivo, seguramente terminaríamos facendo obras moito máis edulcoradas. Canta máis xente acuda ao teatro, mellor. Pero nunca imos ser coma o fútbol.

Para nós é o básico. É un teatro que facemos cos nosos corpos, libres de moitos artificios ou recursos como a tecnoloxía. A Panadaría asina espectáculos sen case escenografía, non hai instrumentos musicais nin cancións en off, senón que toda a música se fai ao vivo. Fomos elaborando esa linguaxe artesá dentro do teatro. 

Primeiro foi por unha cuestión de precariedade. Ao saír da escola, ou vés dunha familia adiñeirada ou non tes cartos para investir nunha escenografía moi grande nin nun vestiario moi elaborado, e tampouco tes como pagarlle a alguén para que o deseñe. O que tiñamos daquela eran os nosos corpos, ademais das habelencias adquiridas na escola e en diferentes cursos. O que fixemos foi interactuar coas nosas voces e os nosos corpos, e así foi xurdindo a nosa linguaxe e a nosa maneira de facer.

Nos catro espectáculos que temos fixémolo así. É certo que en Pan! Pan!, a nosa primeira obra, só había unha bandeira e unhas cintas no chan e nas seguintes incorporamos algúns elementos máis. Para nós, As que limpan ten unha superescenografía. Ter unhas cortinas de catro metros, unhas moquetas e un carro de limpeza, para nós, xa é ter moito. Parécenos interesante que o que está en escena sirva para algo, ten que ser funcional. Non nos gustan as escenografías como decorado, que simplemente están aí e non se empregan. 

Ailén Kendelman | P. Vázquez

Cada unha de nós ten o seu punto de vista, A Panadaría é o punto no que confluímos as tres. En Pan! Pan! eramos máis novas e todo era algo máis desenfadado, pero tocabamos certos temas como a cuestión do xénero. Para nós é importante tratar temas que están na sociedade, cousas que vivimos, que escoitamos nas noticias. Queremos falarlle á clase obreira, porque parece que cando vas ao teatro vas a alternar coa burguesía, pero a burguesía é minoritaria e nós queremos falar de cousas coas que nos identifiquemos. Queremos que unha limpadora que vexa As que limpan se sinta identificada e vexa que hai xente que se interesa por saber da problemática do seu mundo.

No confinamento do 2020, todo o mundo ovacionaba o labor das médicas e das enfermeiras, pero ninguén lle dedicaba un aplauso ás mulleres que arriscaban a saúde para limpar os cuartos dos hospitais. Reflexionar sobre todo isto levounos a querer falar sobre este tipo de traballos. A través da asociación Las Kellys, as camareiras de piso fixeron unhas reivindicacións moi creativas. No canto de queimar contedores do lixo ou romper escaparates, repartiron cepillos para o inodoro entre os deputados do Congreso, fixeron cancións… Buscaron maneiras creativas de facerse ver, e iso foi moi motivador para A Panadaría.

«Ten que haber máis propostas para seguir facendo visible a cuestión do colectivo gai»

Axudáronnos moito á hora de dar co punto de humor. Nós sentimos moito respecto por este colectivo e non queriamos que parecese que na obra parecese que nos estabamos a rir destas mulleres. Descubrimos como elas mesmas facían bromas ante situacións moi duras, e incidiron en que non querían que a obra fose un drama, senón que tiñan ganas de rir. Querían unha comedia e nós pensamos que é igual de serio facer as cousas desde a comedia que facelas desde o drama. A través do humor podemos saír de situacións dolorosas. Por que non reivindicar mentres facemos rir? O humor é moi importante.

Nós coñeciamos a historia de Elisa e Marcela por Internet, pero foi falando con Gena Baamonde, que despois acabou sendo a directora da peza, a que nos dixo que lle parecía moi estraño que dunha historia tan incrible aínda non se fixera ningunha obra de ficción, porque naquel momento tampouco existía a película que despois fixo Isabel Coixet sobre elas. Xurdiu dunha forma informal mentres tomábamos un café Areta e eu tomabamos un café con Gena, e pensamos que poderiamos adaptar esa historia ao teatro. Fixemos unha grande investigación para ver que contar e como contalo. Moita xente non coñecía esta historia penso que a día de hoxe tampouco se coñece. A nós sorprendíanos que non se soubese máis de algo tan relevante que aconteceu en 1901 aquí en Galicia. Iso di moito do tabú ao falar da sexualidade, de sexualidades diferentes ás máis convencionais. Foi un reto contar unha historia tan dramática a través da comedia.

Penso que hai polarización no asunto. Hai unha certeza: agora é legal, xa podemos casar. Unha parte bastante grande da sociedade ve o matrimonio homosexual como algo igual que o heterosexual, pero ante o avance da legalidade nestas cuestións sempre hai un ataque das persoas máis conservadoras, que se poñen máis bravas e xeran unha dinámica de agresividade que aínda estamos vivindo.  Podemos avanzar en dereitos, pero uns anos despois saltar incluso máis para atrás do punto inicial. Deixamos de representar Elisa e Marcela porque sentiamos que xa cumprira o seu ciclo, pero pensamos que é máis necesaria agora que cando comezamos a representala; por iso ten que haber máis propostas para seguir facendo visible esta cuestión. O colectivo gai recibe moita violencia: insultos, malleiras, homicidios… Na mesma cidade onde casaron Elisa e Marcela asasinaron un rapaz por ser homosexual. 

REVISTA NOVEMBRO

O dereito a ser, a decidir con liberdade quen es e a quen amas, e que iso non supoña unha barreira. Poder andar pola rúa sen que te insulten ou, por suposto, que non che peguen. Parece algo moi básico, pero hai moita xente que ten medo a saír da casa. O colectivo transxénero está sufrindo moitísimo. Penso que falta moita empatía para saber polo que pasa unha persoa trans. Por que ten que opinar ninguén sobre o que é ou deixa de ser unha persoa? Se coñeceramos máis de preto casos de persoas trans, non habería tanta complicación. Creo que hai que poñerse no seu lugar. 

Ailén Kendelman | P. Vázquez

Tamara Novoa
Edit

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.