O filme ‘San Simón’ transforma a illa de novo nun campo de concentración
A película San Simón, do director Miguel A. Delgado, estase a filmar estes días na illa homónima da ría de Vigo. O filme recrea o seu pasado como campo de concentración durante varios anos desde o estoupido da Guerra Civil Española. Visitamos a rodaxe nunha xornada solleira ás portas da primavera.
Ver militares paseando pola illa de San Simón fai espertar as pantasmas dun pasado escuro e traumático. Por sorte, neste caso só son actores ben caracterizados para a rodaxe de San Simón, un filme que recrea o pasado da illa como campo de concentración durante varios anos desde o estoupido da Guerra Civil Española. Tras a cámara está Miguel Ángel Delgado, cineasta, director de fotografía e fundador de Morelli Producciones. San Simón é a súa primeira longametraxe como director.
A produtora Andrea Vázquez cóntanos a complexidade do proceso de cásting, xa que precisaban figurantes homes de certa idade e con acentos de diferentes partes de Galicia. En total fixeron tres probas de selección polas que pasaron máis de 3000 persoas, das que finalmente foron escollidas sobre 250. O filme, malia contar con algúns personaxes con maior relevancia argumental, é de carácter coral, sendo a illa e os seus prisioneiros os verdadeiros protagonistas. De feito, moitos dos figurantes, actores e membros do corpo técnico tiveron familiares presos na illa, o que enriquece aínda máis a produción.
Vázquez incide en que, aínda que se trata dun filme de ficción, a estética será moi semellante á dun documental e que as historias que aquí se narran aconteceron de verdade. Para documentarse sobre este período histórico recurriron a diversos profesionais, entre eles Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e director de Histagra; Antonio Caeiro, responsable de O Faiado da Memoria e director do documental Aillados; e Manuel Carbia, neto de Celestino Carbia, alcalde republicano de Valga preso en San Simón, fusilado en Pontevedra en maio de 1937.
Ademais das illas de San Simón e San Antón, onde xa levan rodando case dúas semanas, a película tamén se filmará no complexo militar da ETEA (Vigo), no convento pontevedrés de Santa Clara e na Cova da Moura, en Cenlle (Ourense). Aínda que os tempos no mundo do cinema son moi variables (de feito, a idea do filme naceu antes da pandemia), a previsión é ter rematada a obra a finais deste ano. Paralelamente estase a gravar un documental sobre a historia da illa no que colabora a Televisión de Galicia.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024