REVISTA ABRIL

O filme ‘San Simón’ transforma a illa de novo nun campo de concentración

A película San Simón, do director Miguel A. Delgado, estase a filmar estes días na illa homónima da ría de Vigo. O filme recrea o seu pasado como campo de concentración durante varios anos desde o estoupido da Guerra Civil Española. Visitamos a rodaxe nunha xornada solleira ás portas da primavera.

Dous figurantes en San Simón | P. Vázquez

Ver militares paseando pola illa de San Simón fai espertar as pantasmas dun pasado escuro e traumático. Por sorte, neste caso só son actores ben caracterizados para a rodaxe de San Simón, un filme que recrea o pasado da illa como campo de concentración durante varios anos desde o estoupido da Guerra Civil Española. Tras a cámara está Miguel Ángel Delgado, cineasta, director de fotografía e fundador de Morelli Producciones. San Simón é a súa primeira longametraxe como director.

REVISTA ABRIL
Miguel Ángel Delgado, este mércores en San Simón | P. Vázquez

A produtora Andrea Vázquez cóntanos a complexidade do proceso de cásting, xa que precisaban figurantes homes de certa idade e con acentos de diferentes partes de Galicia. En total fixeron tres probas de selección polas que pasaron máis de 3000 persoas, das que finalmente foron escollidas sobre 250. O filme, malia contar con algúns personaxes con maior relevancia argumental, é de carácter coral, sendo a illa e os seus prisioneiros os verdadeiros protagonistas. De feito, moitos dos figurantes, actores e membros do corpo técnico tiveron familiares presos na illa, o que enriquece aínda máis a produción.

Un membro do equipo transporta unhas pólas durante a rodaxe | P. Vázquez

Vázquez incide en que, aínda que se trata dun filme de ficción, a estética será moi semellante á dun documental e que as historias que aquí se narran aconteceron de verdade. Para documentarse sobre este período histórico recurriron a diversos profesionais, entre eles Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e director de Histagra; Antonio Caeiro,  responsable de O Faiado da Memoria e director do documental Aillados; e Manuel Carbia, neto de Celestino Carbia, alcalde republicano de Valga preso en San Simón, fusilado en Pontevedra en maio de 1937.

Unha membro do equipo prepara a un dos actores principais do filme | P. Vázquez

Ademais das illas de San Simón e San Antón, onde xa levan rodando case dúas semanas, a película tamén se filmará no complexo militar da ETEA (Vigo), no convento pontevedrés de Santa Clara e na Cova da Moura, en Cenlle (Ourense). Aínda que os tempos no mundo do cinema son moi variables (de feito, a idea do filme naceu antes da pandemia), a previsión é ter rematada a obra a finais deste ano. Paralelamente estase a gravar un documental sobre a historia da illa no que colabora a Televisión de Galicia.

Dous figurantes en San Simón | P. Vázquez
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.