VIALIA
bannerPicnicSesions

Eva Mejuto rescata a historia esquecida en ‘A lavandeira de San Simón’

A xornalista e escritora Eva Mejuto publicou a finais do pasado ano A lavandeira de San Simón, un libro ilustrado dirixido a público infantil e xuvenil que conta a historia das mulleres que axudaron desinteresadamente aos presos da Guerra Civil no arquipélago situado na ría de Vigo. Tras presentalo esta semana no Club Faro, falamos con ela sobre o seu interese na memoria histórica e na literatura como forma de coñecer o noso propio pasado.

Unha das ilustracións do libro | Bea Gregores

O teu último libro é o primeiro título da colección Pequena Memoria da Editorial Xerais. Cóntanos un pouco desta iniciativa. 

Eu falei con Xerais hai uns anos sobre esta idea que tiña na cabeza, xa que estaba realizando unha tese que xuntaba o mundo editorial do libro ilustrado co traballo xornalístico. Este tipo de libros infantís, coñecidos como “testemuño”, serven para achegar a historia máis humana e cotiá, a historia en minúsculas. Eu vin que en Galicia non había este tipo de libros, e sempre tiven a teima de que se contase a historia próxima cunha perspectiva propia.

Como e cando descubres a historia das lavandeiras de San Simón?

Como primeiro título desta colección tiña claro que tiña que ser San Simón, porque eu teño un familiar, Xulio, que morreu hai un ano cuxo pai, Rafael, estivo preso na illa durante bastantes meses ata que despois o pasaron ao presidio onde agora está o Marco. Xulio contaba de cando ía coa súa nai a visitar ao seu pai á illa ou cando súa nai lle fixo uns pantalóns coa bandeira do barco familiar. O labor de documentación foi moi longo, a base de fotografías, entrevistas, libros, documentais, o traballo memorialístico realizado pola Xunta en 2006 San Simón: a illa da memoria… As testemuñas directas son moi poucas, xa que a xente que viviu do 1936 ao 1939 son persoas xa cunha idade moi avanzada. Puidemos falar con fillas de lavandeiras que acompañaban ás súas nais. O libro está a axudar ás persoas maiores a recordar, como unha catarse para abrir o baúl dos pensamentos ocultos do pasado. É unha homenaxe a esa xeración que pasou moito medo e fame.

A lavandeira de San Simón tamén pon en valor o papel de figuras moitas veces esquecidas en períodos bélicos como son as mulleres e as crianzas.

O traballo das mulleres neste aspecto interésame moito porque sempre é un labor feito desde atrás, daquelas non tiñan voz nin postos públicos. Desde o doméstico trazaron unhas redes de axuda moi poderosas. Esas historias non estan nos libros nin nos monumentos nin nos rueiros. Como as lavandeiras e as madriñas de San Simón, tantas mulleres e homes que se xogaron o pescozo por axudar aos seus veciños. Hai historias que están contadas ata a saciedade e outras non. Por que? Cando escribín 22 segundos tamén me preguntei porque a diversidade sexual e de xénero non está presente na nosa literatura. Non é casualidade que haxa temas que prefiran non ser tratados.

No teu anterior libro Memoria do silencio, tocabas tamén o tema do pasado pouco coñecido do país, neste caso sobre a Segunda Guerra Mundial en Galicia. De onde vén o teu interese na historia?

Hai moitas historias cotiás por contar, e a literatura é un espazo moi bonito para o autocoñecemento, para renderlles homenaxe e para que esas voces sigan vivas e non se perdan no esquecemento. Tamén é importante contarlle á rapazada como foi a nosa intrahistoria, a que non van estudar nunca nos libros de texto e non sae na televisión en prime time. A historia da represión e da liberdade, moi importante nunha época na que temos o fascismo chamando ás portas. Como é posible que ninguén saiba quen son as irmás Touza, de Ribadavia? A miña vontade é a de tratar a memoria para un público infantil e xuvenil. A literatura tamén serve para espertar conciencias, e a empatía é necesaria para lograr un futuro máis esperanzador e máis xusto.

Como foi traballar coa ilustradora Bea Gregores?

REVISTA ABRIL

Ao principio pensei en facer unha novela xuvenil, pero era unha historia que me pedía ilustración. Un libro con imaxes ten unha carga moi grande a nivel empático e emocional. Tiña moi claro que quen ía facelo era Bea Gregores, unha ilustradora viguesa moi nova. Foi alumna miña no Mestrado de Ilustración da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e Bea ten ese rexistro que eu buscaba. Por unha parte domina moi ben a técnica de recrear un ambiente, un tempo e un espazo de maneira máis realista e documental; pero tamén ten unha carga simbólica e emocional, unha linguaxe poética propia a nivel de metáforas visuais.

Tes algún proxecto en mente para este ano? Que agardas do 2021?

Estou escribindo un libro de contido histórico na liña de Pequena Memoria que creo vai ser bastante rechamante, pero non quero desvelar o tema. Tamén vai saír un libro sobre unha rapaza vítima de violencia familiar. É un tema que me interesa moito, porque as crianzas son vítimas caladas e silenciadas de todos os conflitos. No caso da violencia machista faltan por contar as historias das crianzas, que son tamén vítimas directas. Agardo que saia antes do verán.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.