Tonhito de Poi, blues psicodélico internacional e teatro de Darío Fo esta fin de semana en Vigo
Volvemos das vacacións cunha chea de plans para recomendarvos: presentacións de libros e barallas, concertos de artistas internacionais e galegos, teatro, mercados… Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.
PRESENTACIÓN LIBRO SOBRE O MERDEIRO – Venres ás 19:30 no Camões Centro Cultural Portugués – De balde
Nesta obra a Asociación Etnográfica A Merdeira recolle os froitos de varios anos de investigación e traballo. Analizan a orixe do Entroido e comentan como era este na cidade de Vigo, cando o Merdeiro andaba polas súas rúas. Ás 19:30 contarán coa actuación da Banda de Gaitas do Casco Vello para posteriormente comezar ás 20:00 co coloquio moderado polas propias autoras do libro: Adriana Del Río Miranda e Hadrián Román Carreiro, historiadora do arte e historiador, respectivamente.
O GHAITEIRO PETROLEIRO – Venres ás 20:00 na Galería Maraca – De balde
O 19 de novembro de 2022 cumpríronse vinte anos do afundimento do petroleiro Prestige fronte ás costas galegas. Antes deste aniversario, a asociación cultural Unha Gran Burla Negra en colaboración co Museo Reina Sofía organizou a exposición As cartas sobre a mesa. A memoria do Nunca Máis e as barallas políticas. Unha actividade que busca lembrar, investigar, difundir e reactivar a memoria popular daqueles feitos a través dun proxecto editorial e expositivo. Así se produciu O Ghaiteiro Petroleiro, unha mestura artística que combina satiricamente a memoria do movemento Nunca Máis e o imaxinario popular galego formando un arquivo visual, un dispositivo da memoria ao servizo dunha conmemoración crítica deste vixésimo aniversario.
CONCERTO DE AUTOMATIC CITY – Venres ás 21:30 na Sala Rouge – Desde 15,00€
Veñen de Lyon para dar renda solta ás súas fantasías baseadas nun cruzamento entre o blues lendario, a gran música negra, o rock’n’roll de serie B ou a exótica de orixe incontrolada. En 2016, One Batch Of Blues, o primeiro álbum de blues espectacular, sentou as bases. Ao ano seguinte, Bongoes And Tremoloes, o mesmo en proto-rock’n’roll, co son Sun 1953 e percusións tolas. Logo, en 2019, Tripple Ripple, semellante ao anterior pero conquistando novas fronteiras e espazo. E agora Hum Drum, que se penetra nos anos 70 e lévaos a outro nivel en forma de espiral psicodélica, só na imaxinación desenfreada de Automatic City.
MERCADO RECICLADO – Sábado de 12:00 a 21:00 en Simia – De balde
Nova edición do Mercado Reciclado, esta vez só con postos de roupa vintage e de segunda man. 12 postos onde elixir entre tallas/estilos/épocas e unha zona de troco estarán a apoiar a economía local de forma máis amena. Tamén haberá música en directo e comida vegana.
CONCERTO DE XACKAL – Sábado ás 19:30 na Sala Rebullón – Caixa inversa
O novo disco de Xackal debe consumirse como o menú degustación dun chef arriscado, quizais chiflado. A
temeridade cohesiona este traballo de 16 pratos que veñen cos sabores intensos. O propósito do álbum é
teletransportar ao comensal sen o seu consentimento por diversos sabores como o pop, o jazz, o funk, a salsa, a bossa, a samba, o afro, o world music, o bolero, demostrando que o único importante é cómo condimenta o chef.
IVAN CANO – Sábado ás 20:00 na Sala Kominsky – Desde 10,00€
Músico urbano sevillano que publicou o seu primeiro traballo en 2013. A partir de aí decidiu sacar un tema semanal, chegando aos 150 publicados. Chega a Vigo acompañado por James Gabarres, Kalasy Legend, L-Stress e Sarita OG.
MORTE ACCIDENTAL DUN ANARQUISTA – Sábado e domingo ás 20:00 na Sala Ártika – Desde 13,00€
Seguramente esta afirmación non sería moito do seu agrado, pero a día de hoxe podemos considerar que Darío Fo é xa un clásico teatral dos últimos tempos. Por iso Talia Teatro quixeron unirse á inmensa nómina de compañías que montaron, montan e montarán as súas pezas, e entre elas, madía leva, a máis emblemática de todas. Os clásicos é o que teñen, que as súas portas están sempre abertas a novas visitas: dos creadores e do público. Porque, por desgraza, cincuenta anos despois de ser escrito, este sainete político, esta disparatada pero reflexiva comedia, segue aportando sons que, dun xeito máis ou menos directo ou metafórico, reverberan aínda nos muros da actualidade.
TONHITO DE POI E OS INCONMENSURABLES – Sábado ás 21:00 en La Revoltosa – 10,00€
O recoñecido músico galego, membro dos míticos Herdeiros da Crus, visita o local do Calvario acompañado por Alex Carrero ao baixo, Mike Trompy á trompeta e Cristian García ás percusións. A entrada inclúe consumición.
REYNIER ALDANA – Domingo ás 12:00 no Lar das Artes – De balde
Músico cubano que representa a canción con diversidade de sonoridades, sempre aderezado co concepto da música do seu país de orixe.
JOHN WILLIAMS & HARRY POTTER – Domingo ás 19:00 no Mar de Vigo – Desde 28,00€
Nin John Williams nin Harry Potter precisan moitas presentacións. A prestixiosa Hollywood Symphony Orchestra preséntase no escenario para ofrecer unha impresionante actuación que transporta ao público ao máxico reino de Hogwarts a través das melodías máis representativas da saga.