VIALIA
PLAYDOC

Previa de San Brais, concerto na Colexiata e teatro para esta fin de semana en Vigo

Aínda non chegou San Brais pero xa hai moito ambiente por Bembrive. A maiores, esta fin de semana temos moita música, teatro e cinema para gozar da cultura local. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

Pelepau en San Brais

ANIVERSARIO ANESTHESIA – Venres desde as 17:30 en Molotov – Desde 15,00€

Festa coa mellor música electrónica na que non faltarán o Anesthesista, Dj Muffy, Sitos Brothers, Mirin, Sargento DMT, Baketek, El Pollo e Asfixia. A variedade de estilos é enorme: newstyle makinero, frenchcore, hardcore, uptempo, newstyle, raw, terror…

SOUTULLO E A PIANOLA – Venres ás 19:00 no Auditorio Municipal – 5,00€

A charla de Rodri Roquer estruturarase sobre dous eixos: unha necesaria introdución para contextualizar o rolo de pianola histórica e tecnoloxicamente, seguida da audición de varios rolos de Soutullo, comentados e contextualizados debidamente.

PROXECCIÓN ‘PORQUE ESTÁN AÍ’ DE JESÚS GARCÍA JUANES – Venres ás 20:00 na Sala Rebullón – De balde

Proxección do documental ‘Porque Están Ahí – Transpirenaica invernal a pé en autosuficiencia alimentaria en 27 días’ e posterior coloquio co seu autor Jesús García Juanes, deportista extremo que vén de cruzar os Pirineos desde o Cantábrico ata o Mediterráneo cargando todo o alimento nunha zorra. Este documental axuda a coñecer a vida deste intrépido aventureiro de Castroverde, que leva máis de 30 anos enfrontándose a desafíos como as 200 voltas á muralla de Lugo, a ascensión ao Kilimanxaro sen roupa ou percorrer 1000 km en pista en total autosuficiencia.

CONCERTO FRANS BANFIELD E NILLO NÁNDEZ – Venres ás 21:00 en La Revoltosa – 8,00€

Concerto de dous vellos coñecidos da música local nesta local do Calvario. Por unha parte o músico e promotor arxentino Frans Banfield, membro de bandas como Phantom Club, e Nillo Nández, exmembro de Medusa, Kabuto Jr, Superbudú e Pacífico, onde coincidiu co propiop Frans.

CONCERTO MÍRIAM SANDOVAL – Venres ás 21:30 en El Contrabajo – 10,00€

Baixo o título: “A viaxe sonora dous poetas na migración”, a cantautora Miriam Sandoval preséntase na sala El Contrabajo coa súa nova banda, para facer un percorrido polos seus dous discos editados, Cantigas Trashumantes, desde o que rescata aos poetas galegos emigrados e recréaos cos ritmos folclóricos de Latinoamérica; e Renacer, de recente lanzamento en todas as plataformas dixitais.

DESPEDIDA DO BOCATA ‘THE BEAR’ Á GALEGA – Sábado ás 12:00 en As Cunchas – De balde

Este sábado 27 o restaurante As Cunchas, situado na rúa Tomás Alonso 117, despide a primeira tempada do seu popular bocata baseado na serie The Bear. Este manxar está composto por carne de vaca galega, queixo do país e pementos da horta. Para despedilo como merece haberá sesión musical con DJ Cami, fabada con faba de Lourenzá e un sorteo especial. Todo isto a partir das 12:00 do mediodía. O equipo de As Cunchas, composto por María Afonso, o seu marido Gonzalo, coñecido como o “chef Gudini”, e o seu irmán Xacobe, fixeron unha investigación exhaustiva sobre o auténtico bocadillo de tenreira e pementos do restaurante “The Original Beef of Chicago”, escenario principal da primeira tempada da serie, ata crear a súa propia versión con salsa de queixo galego e un pan a medio camiño entre o noso e o estadounidense, máis suave e doce.

PELEPAU EN SAN BRAIS – Sábado ás 17:00 en Bembrive – De balde

Aínda que a festa grande celébrase o sábado 3 de febreiro, día de San Brais, unha vintena de furanchos xa están abertos en Bembrive e a programación musical arrancou hai uns días. San Brais é sen lugar a dúbidas a festa máis popular da parroquia de Bembrive e nos últimos anos ten captado a atención de vigueses e foráneos que se achegan ata a parroquia olívica para probar o cocido, o viño e bailar ao ritmo da música tradicional. A comisión de festas ten programadas varias actuacións musicais ao longo destas semanas nas que participan grupos como Os Carunchos, Os Escaravellos e por suposto Pelepau, unha agrupación que naceu ao abeiro desta festividade e que todos os anos podemos gozar en directo en Bembrive.

CONCERTO ORQUESTRA VIGO 430 – Sábado ás 20:00 na Colexiata – De balde

O programa número IV da tempada 2023/24 «Orixes» da Orquestra Vigo 430 trasladaranos a pleno século XVIII cun orixinal e fermoso repertorio enmarcado nun estilo que imperou durante o período de transición entre o barroco e clasicismo: o estilo galante. A enorme orixinalidade pois deste concerto radica no repertorio que o compón, así como no feito pouco habitual de poder escoitar un concerto para viola de gamba e outro para trompa nun mesmo programa.

TEATRO ‘ASFIXIA’ DE VÓRTICE ESCÉNICO – Sábado e domingo ás 20:00 na Sala Ártika – Desde 10,00€

REVISTA MAIO

Un esperpéntico pesadelo asalta a Ágata días antes do seu trinta e catro aniversario: uns escuros seres de cabeza de porco e corpo humano axitan o seu soño e os cimentos da súa vida. Este pesadelo non é outra cousa que o resorte que desencadea unha crise existencial nesta muller afeita a cumprir as expectativas alleas. Ansiosa por facer algún cambio na súa monótona realidade co seu monótono marido, e motivada polo noxo que as criaturas do seu soño lle inspiran, Ágata decide deixar de comer carne. Esta pequena decisión individual, que non tería por que ser posta en cuestión por ninguén, é ferozmente combatida polo seu entorno

CONCERTO DANI COSTAS – Domingo ás 12:30 no Lar das Artes – De balde

O artista galego repasará coñecidos temas de pop rock dos 80 ata hoxe, facendo un repaso polos seus artistas favoritos e tamén nos deixará algunhas cancións propias dos seus dous discos.