A Orquestra Clásica homenaxea ao “compositor máis importante da historia de Vigo”
A Orquestra Clásica presentou este martes a programación para os próximos catro meses que leva por título Integrais. Entre os tres concertos que ofrecen destaca o primeiro, unha homenaxe ao compositor ponteareán Reveriano Soutullo, “o máis importante da historia de Vigo” en palabras do director do programa Manuel Martínez Torres.
Aínda que moita xente pense que a fama da música viguesa comezou nos anos oitenta do pasado século, a realidade é que xa nas primeiras décadas do século XX o ponteareán Reveriano Soutullo levou o nome de Galicia e Vigo por toda España coas súas famosas zarzuelas. Para celebrar o centenario da estrea de La leyenda del beso, a súa obra máis famosa, a Orquestra Clásica de Vigo programa un concerto homenaxe no que adaptan algunhas das súas pezas máis destacadas, entre elas a inédita na nosa cidade Suite Vigo.
Este será o primeiro concerto da nova programación cuadrimestral da Clásica, que terá lugar o 15 de febreiro no Auditorio do Teatro García Barbón. Para comprender a grandeza do que eles consideran “o compositor máis importante da historia de Vigo”, organizan un ciclo de catro actividades para coñecer a fondo a súa figura entre o 26 de xaneiro e o 14 de febreiro. Estas charlas-concerto terán lugar en diferentes sedes: o Auditorio Municipal, o Edificio Redeiras da UVigo e a Biblioteca da EMAO.
O resto da programación Integrais, coa que buscan ofrecer unha “lectura única dos artistas escollidos”, está formada polos concertos de violín de Bach, interpretados polos solistas David Veiga, Manuel Sabucedo e Raquel Carrera; e a misa da coroación de Mozart, coa participación do histórico coro picheleiro Orfeón Terra A Nosa. As entradas xa están dispoñibles en Ataquilla cun prezo de entre 5 e 13 euros, dependendo do espectáculo. Para favorecer a asistencia, existe a opción dun abono por 36€ e descontos para menores de 16 anos e para menores de 30 anos se adquiren as entradas no propio despacho de billetes xusto antes do concerto.
Soutullo e a pianola, por Jordi Roquer
Concerto de pianola e conferencia
Venres 26 de xaneiro ás 19:00h
Auditorio Municipal do Concello de Vigo
A consagración de Soutullo como compositor de zarzuelas. De Amores de aldea (1915) á La leyenda del beso (1924), por Javier Jurado
Conferencia
Xoves 1 de febreiro ás 20:00h
Edificio Redeiras da Universidade de Vigo (R/ Ribeira do Berbés, 11)
La leyenda del beso, edicións discográficas de referencia, por Xaime Estévez
Escoita comentada de primeiras edicións
Xoves 8 de febreiro ás 20:00h
Biblioteca da EMAO (Acceso por por R/ García Barbón, 5)
Aproximación á vida e obra de Reveriano Soutullo, por Alejo Amoedo
Charla-concerto
Mércores 14 de febreiro ás 20:00h
Auditorio da EMAO (Acceso por por R/ Pontevedra)
SOUTULLO: O centenario dun mestre da zarzuela
Concerto da Orquestra Clásica de Vigo
Xoves 15 de febreiro ás 20:30h
Auditorio do Teatro García Barbón
OUTROS CONCERTOS
Bach: os concertos de violín
Orquestra Clásica
Sábado 16 de marzo ás 20:30
Auditorio do Teatro García Barbón
Mozart: misa da coroación
Orquestra Clásica + Orfeón Terra A Nosa
Sábado 20 de abril ás 20:30
Teatro García Barbón