CAMELIAS MASCOTAS

O Museo do Mar achéganos ao Oroza máis persoal a través da exposición ‘En el norte hai un mar…’

A exposición En el norte hai un mar…, que pode verse no Museo do Mar, contén máis de 500 obxectos entre libros, libretas, documentos, revistas, pinturas e esculturas que pertenceron a Carlos Oroza e definen as súas diferentes facetas sen caer nos tópicos.

Oito anos despois do pasamento do poeta dous dos seus amigos e colaboradores, Antonio Chaves e Vilas Bugallo, poñen en marcha a mostra En el norte hai un mar… , resulatado de varias décadas de investigación e recompilación de material sobre o rapsoda finado en 2015 que pasou os seus últimos anos en Vigo. Bugallo foi o encargado de deseñar as escenografías dos recitais de Oroza, o último deles no mesmo museo que hoxe acolle a exposición; e Chaves leva desde 2006 preparando a súa biografía, por encargo do propio poeta e que verá a luz próximamente.

Ambos comisarios deseñaron a exposición “como un verso longo e libre do propio Carlos”, explica Chaves. “Replicamos o seu modo de traballar, xa que Carlos sempre tomaba moitas notas e empregaba moito tempo; podía levarlle semanas titular un poema”. A disposición da exposición é o primeiro que chama a atención pola súa calidez e aparente desorde. Afástase totalmente do cánon actual de parede gris escuro e foco direccionado que unifica os museos de todo Occidente e reflexa a personalidade do poeta desde a primeira ollada a través dunha estética familiar e xenuinamente artística.

Un ten a sensación de terse coado na súa casa e comezar a inspeccionar os seus obxectos persoais. Primeiro os libros e cadros do salón para pasar a botar unha ollada no dormitorio e acabar abrindo as gavetas, rebuscando entre os papeis máis persoais de Oroza. Podemos quedarnos co cadro xeral ou invertir horas reparando en cada detalle e lendo cada cadro, papel e escultura exposta. Se un presta a atención suficiente poderá relacionar cada peza cun episodio da súa historia.

REVISTA NOVEMBRO

Por primeira vez saen á luz fotos de Carlos cando era neno en Viveiro, da súa chegada a Madrid con 20 anos en 1943, ou da súa voda con Guadalupe Pérez Gómez o 12 de decembro de 1958. Tamén se mostran as actas do seu nacemento (Viveiro, 13 de maio de 1923) e morte (Vigo, 21 de novembro de 2015); ou documentos do seu paso pola mili, como a acta do accidente que sufriu cando viaxaba nun camión militar . Os visitantes á exposición toparanse co primeiro borrador manuscrito de Cabalum, debuxos e pinturas do poeta, a colección completa da revista Tropos, asi como a totalidade dos seus libros, comezando por Cabral (Madrid, 1952), os seus primeiros poemas publicados en revistas, ou a sorprendente figura dun Cristo que o poeta bautizou como El hombre solo.

Todo o que forma parte desta mostra foi recollido por Chaves e Bugallo entre máis de 100 colaboradores. “El non gardaba nada, estaba todo desperdigado”, explica o escritor que visitou Canarias, Origuela, Viveiro e Madrid para recompilar o material da exposción. “As veces voltaba das viaxes e ata o propio Carlos se sorprendía dos meus achados”, comenta divertido. Tamén os colegas artistas que acudiron á inauguración tiveron a sensación de estar descubrindo un novo Carlos xa que, ademais da súa coñecida faceta como poeta, En el norte hai un mar… desvela “unha traxectoria poliédrica e moitas sorpresas”, en palabras de Chaves.

A exposición pode visitarse no Museo do Mar de martes a venres de 10 a 14 e de 16 a 19 e as fines de semana de 11 a 14 e de 17 a 20.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.