Rodrigo Cuevas brilla con máis forza que once millóns de luces LED
Ao tempo que miles de persoas se amoreaban no centro da cidade para ver (ou intuír) como o alcalde Abel Caballero premía o botón que acendía os once millóns e medio de luces LED, Rodrigo Cuevas subía ás táboas do Teatro García Barbón facendo brillar un millar de almas, que devecían por ver ao ovetense. (Fotos: Elena Caicoya)
Onte o centro de Vigo estaba impracticable. Milleiros e milleiros de persoas quixeron achegarse á Porta do Sol para ver como se prendía o Nadal “máis famoso do Planeta”. Unha avalancha de xente se amontoaba nas rúas lindeiras como se as luces non foran quedar acesas durante máis de mes e medio. A maioría dos alí presentes miraban ao ceo alleos a que, a moi poucos metros de distancia, no interior do Teatro García Barbón estaba brillando con forza un Rodrigo Cuevas implacable.
Hai semanas que as entradas para o dobre concerto de Rodrigo Cuevas en Vigo estaban esgotadas. Había moita expectación por ver ao artista asturiano despois de tres anos sen pasar por terras viguesas. A última vez, fora en cadeira e con máscara no alto da terraza do Mar de Vigo en agosto do 2020. Cuevas arrancou o concerto deste xoves facendo referencia aos oito anos que viviu en terras galegas “Ai Vigo, en cantos bares eu estiven, cantos locais eu non enchín”, exclamou con humor ante un teatro abarrotado. Imposible non recordar aquel espectáculo cabaretero co que Rodrigo sorprendeu ao público do Festival nun Local diante do Cosmos alá polo 2015.
Oito anos pasaron desde esa actuación e máis alá da proxección que conseguiu alcanzar, Rodrigo deixa patente con ‘La Romería’ a gran evolución que ten experimentado como artista. Con unha posta en escena coidada e transgresora consegue conectar co público desde o inicio do concerto. Contábanos Rodrigo, nesta entrevista que lle fixemos previo ao concerto de 2020, que foi precisamente en Galicia onde entrou en contacto coa música tradicional e comezou a interesarse polo folclore asturiano, ata o punto de converterse nun dos seus principais divulgadores.
Un dos momentos álxidos do concerto non tardou e chegar e foi de forma espontánea. O cantante asturiano meteu ao público no peto ao son do ‘Voglio vederti danzare’ de Franco Batiatto. Un tema que non levaba preparado e que defendeu de forma espléndida case a cappella, acompañado dos coros dun público entusiasmado. A emoción estivo latente durante todo o espectáculo pero fíxose palpable coa interpretación de ‘Dime, ramo verde’, tema no que fala ao neno que un día foi e que sufriu bullying na escola por ser homosexual. Por suposto, tampouco faltou o ánimo festivo, con temas como ‘Veleno’, ‘Cómo Ye?’ ou ‘Romería’ puxo ao público en pé a saltar e bailar.
Rodrigo Cuevas é un ser auténtico, tanto na forma como no contido. Unha persoa que está demostrando que se pode facer música desde a aldea, mirando a atrás pero conectando co actual. Consígueo creando un espazo de comuñón co público no que reina a liberdade, a reivindicación da diversidade e as ganas de pasalo ben. Nesta sociedade confrontada en discursos baleiros precisamos máis luces como a que emana con forza do gran Rodrigo Cuevas.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024