A UVigo formará especialistas en industria musical a partir de decembro
A Universidade de Vigo pon en marcha un curso de Especialista en industria musical impartido por recoñecidos profesionais galegos do sector e con prácticas profesionais. A matrícula está aberta ata o 15 de novembro na web da Universidade.
A partir do 12 de decembro a Facultade de Comunicación (Campus de Pontevedra) contará cunha nova titulación, o curso de Especialista en industria musical destinado a formar a xestores e comunicadores de proxectos musicais e profesionalizar así este sector estratéxico da cultura galega. O programa, composto por oito bloques formativos, ten un enfoque multidisciplinar e está pensado para que os alumnos sexan capaces de levar a cabo “un proceso de produción musical dende as bases da creación artística ata a promoción e xestión comercial”, según se explica na súa web. Márketing, lexislación, xestión técnica e emprendemento son algúns dos aspectos nos que se fará fincapé.
Un dos puntos fortes da proposta é o elenco de profesores que impartirán as oito materias. Ademais de Javier Abreu, produtor musical e director do curso, contarase con Raquel Seijo, co-CEO de Sweet Nocturna, promotora de concertos como Guns&Roses e Robbie Williams; Jordi Lauren, CEO de PlayPlan, a a promotora responsable do Festival SonRías Baixas ou as Tanxugueiras; Patricia Hermida, CEO da produtora DotBeat e experta en aspectos legais na industria musical; Julio Gómez, director do Festival Sinsal; Belén Mortero, experta en creación audiovisual na industria musical; Juan Rivas, promotor de Vive Nigrán e ICC Weekend que falará sobre propiedade intelectual; Victor Flores, consultor de márketing e experto en xestión de marcas e patrocinios; María Baquero, experta en sostenibilidade en eventos; Xabier Alonso, abogado especializado en industria musical; e Priscila Retamozo, experta en igualdade de xénero.
As clases impártense todos os martes, mércores e xoves desde o 12 de decembro ata o 10 de abril, en horario de 15:00h a 19:00 h . Ademais de recibir clases teóricas, o alumnado terá a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos nun período de prácticas en empresa. As prácticas terán unha duración total de 67 horas que se realizarán entre o 10 de abril e o 13 de setembro de 2024.
A matrícula está aberta na páxina web da Universidade de Vigo ata o 15 de novembro e o custe do programa é de 1.440 € sobre os que se aplican os respectivos descontos para persoas paradas, con discapacidade ou que xa cursaran estudos na mesma universidade. O programa está indicado para calquera persoa con interese en dedicarse profesionalmente á industria musical, sen necesidade de ter estudos previos.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024