REVISTA MARZO

Samantha Vallejo Nágera formará parte do xurado do Mercado de Sabores

Entre o xoves e o domingo os vigueses poderán saborear da alta gastronomía no Mercado de Sabores, que estará situado na Estación Marítima. No evento participarán 14 restaurantes, recoñecidos chefs galegos e nacionais e a xuíza de Master Chef, Samantha Vallejo Nágera, formará parte do xurado deste evento.

É momento de afiar o padal, os afeccionados a gastronomía teñen unha cita co Mercado de Sabores a partir deste xoves na Estación Marítima. Catorce restaurantes de Vigo e dalgunha outra parte de Galicia presentarán as súas tapas e competirán por alzarse co premio ao mellor prato do certame. Ademais, durante o evento celebraranse varios showcookings abertos ao público impartidos por recoñecidos chefs, algúns deles Estrela Michelin. Esta nova edición do festival contará coa participación de grandes nomes da cociña española como é o de Samantha Vallejo Nágera. Coñecida por ser unha das xuízas do popular programa de televisión Master Chef, Samantha formará parte do xurado do Mercado de Sabores de Vigo.

Chefs con Estrela

Entre os chefs de recoñecido prestixio que pasarán polo evento gastronómico de Mahou, figura José Carlos Fuentes, chef executivo do restaurante madrileño con dúas Estrelas Michelin El Club Allard, onde desenvolve unha cociña delicada e innovadora con matices asiáticos. Cunha ampla traxectoria as súas costas, ten acumulados recoñecementos en distintos restaurantes españois e de Tokio. En Vigo será o encargado de ofrecer o showcooking inaugural desta edición do Mercado de Sabores, o xoves a partir das 12:30 do mediodía.

Tamén participarán no evento varios coñecidos cociñeiros galegos como Lucía Freitas, do restaurante compostelán A Tafona, que estará o venres a partir das 20:45 horas; Luis Veira, do restaurante coruñés Estrela Michelin Árbore de Veira, o sábado ás 13:00 horas; Rafa Centeno e Inés Abril, do restaurante vigués Estrela Michelin Maruja Limón, estarán tamén o sábado ás 20:45 horas e Juan Crujeiras, do restaunrate coruñés Bido participará o domingo ás 13:00 horas.

Banner A Movidiña

Por segundo ano consecutivo, o Mercado de Sabores de Vigo será o evento escollido por Michelin para homenaxear aos restaurantes galegos recollidos na Bif Gourmand 2018. Dende fai máis de 20 anos Michelin outorga este recoñecemento aos establecementos que ofrecen mellor relación calidade/prezo, cunha comida completa por menos de 35€.

Actuacións musicais

Como novidade nesta terceira edición do Mercado de Sabores, distintas propostas musicais formarán parte da programación. O xoves pola noite, os asistentes ao evento poderán ver en directo ao rapeiro Rayden, nome clave do hip hop nacional. A noite do venres DJ Amable porá música ao evento e o sábado tocaralle ao DJ Edu Romero.