Historia, afouteza e corazón
Para moitos, o fútbol non é máis ca un deporte no que dous equipos de 11 persoas, xeralmente homes, perseguen un balón de coiro sobre un rectángulo de herba. Para outros, como dicía o adestrador británico Bill Shankly, é moito máis que unha cuestión de vida ou morte. A existencia de milleiros de persoas en todo o mundo está definida por esta paixón, que nos pode levar ao ceo ou meternos na lama. Ben sabemos diso aquí en Vigo, unha cidade marcada desde hai un século pola historia do RC Celta.
Historia
O domingo 20 de marzo de 1987, no estadio municipal de Balaídos, o Celta gañáballe ao Barcelona por 3 goles a 1. Non era o primeiro partido ao que acudía como espectador, pero foi nesa xornada cando un neno chamado Alberto Villamarín soubo que non se ía separar nunca desa «bendita condena». No ano 2008, Marcos L. Bacariza inaugurou a web yojugueenelcelta.com, unha enciclopedia nacida co fin de abranguer todos e cada un dos futbolistas que vestiron a camisola céltica ao longo da historia.
Alberto non tardou en facerse cos mandos do proxecto; coa axuda do seu homónimo e experto en bases de datos Alberto Fernández, redactou máis de 800 fichas de xogadores celestes. De todos eles, para el o máis importante é, sen dúbida, Iago Aspas. «Para min xa hai tempo que non hai debate», sentencia. Para documentarse, utilizou diferentes libros publicados daquela sobre o RC Celta. «Detectei algúns erros nestas publicacións, algo comprensible porque cando se escribiron non había Internet e moitos dos datos están collidos con pinzas», relata.
A mellor forma de obter información veraz ao respecto é consultar hemerotecas, preferiblemente de varios xornais para cotexar os datos, pois non é raro atopar grallas debido a que hai anos as crónicas acostumaban transmitirse por teléfono. Villamarín descubriu historias apaixonantes, coma cando o Celta de Vigo estivo a piques de fichar nada menos que a Diego Armando Maradona, daquela un rapaz de 15 anos que xa apuntaba maneiras no fútbol base arxentino; ou cando en 1959, á volta dun derbi contra o Deportivo da Coruña, a Garda Civil disparou contra o autobús do equipo celeste ao pensar que fuxía dun control, resultando feridos catro pasaxeiros.
Afouteza
O sábado 3 de xuño deste 2023, o santiagués Brais Alonso atopábase nunha feira agrícola en Suecia por motivos laborais. Ao outro día, a 2.600 quilómetros de distancia, o Celta xogaba a permanencia contra o Barça en Balaídos. Na vitoria ou na derrota, Brais quería estar aí. Aínda que que tería que traballar ese domingo, conseguiu rematar a tarefa o día anterior pola noite, recoller o material e saír ás présas cara ao aeroporto, onde apañou o primeiro voo rumbo a Madrid que atopou. Unha vez en España, a falta de autobús, avión ou tren, decidiu alugar un coche para poder chegar a tempo e desfrutar da épica celeste. «Saíume todo por uns 800 euros, pero conseguín o que quería. Son as loucuras que todos fixemos algunha vez polo Celta», sintetiza.
Ademais de presidir a Peña Celtista do Milladoiro, Brais debe de ser un dos afeccionados máis internacionais do RC Celta; por estudos ou por traballo, nestas últimas décadas viaxou a máis de 40 países. «Regaleille un globo terráqueo a miña nai para que soubese por onde andaba eu perdido».
Lembra a sorpresa que levou en Camboxa cando falou con xente que coñecía o Celta, ata que soubo que o motivo era que alí se fabricaban as camisetas de Adidas. En Tanzania, coa axuda da Fundación Celta, repartiu material deportivo nunha escola de fútbol, e na China ensinoulles a varios nenos a animar o conxunto vigués e a debuxar o escudo do equipo. Falar de Haim Revivo implicaba «abrir calquera porta» en Israel. A viaxe que lembra con máis agarimo é a que fixo en 1998 a Liverpool, onde acudiu na compaña de seu pai á vitoria celeste por 1 gol a 0 no mítico estadio de Anfield. Con xente coma Brais, o Celta nunca viaxa só.
Corazón
Quen o coñece sabe que Javier Encisa vive por e para o RC Celta. A casa de seus pais está xusto diante do estadio de Balaídos, quizais esa presenza continua lle nutriu a paixón. Aí mesmo, en 2001, coñeceu a Luz Pérez, na cola para mercar as entradas para a final da Copa do Rei contra o Zaragoza, que se xogaría en Sevilla e que se saldaría coa derrota celeste por 3 goles a 1.
Xa en 2022, esta vez coa alfombra do céspede de Balaídos en exclusiva para os dous, Javier pediulle Luz para casar. «Foi unha idea de Celta Media para o Día dos Namorados e apunteime. Tiven que mercar o anel dun día para o outro e ver se me servía o traxe da última voda á que fun», relata. Nunha mesa sobre o círculo central do campo, Javier esperou por Luz, á que levaron enganada ao terreo de xogo, e alí tivo lugar o encontro. O resultado? «Si, quero».
En setembro celebrouse o casamento no que, por suposto, non faltaron referencias ao club dos seus amores: a garabata celeste, o himno do Celta como en directo e, sobre todo, o baile nupcial coa canción de Keltoi! «Unhas cores, un sentimento». Javier non esquece a cara que puxo a profesora de baile cando lle dixeron que querían entrar ao salón da festa con ese tema de punk rock tan vigués.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024