O Marisquiño celebrará 15 concertos no novo escenario en Samil
A música trap reina na programación musical do festival O Marisquiño, que se celebra en Vigo entre o 10 e o 13 de agosto. Sticky M.A., Pongo, Albany ou Munic HB son algúns dos concertos que poderemos ver no festival de deportes urbanos.
Xa coñecemos o cartel musical do 23º festival de deportes urbanos O Marisquiño , que entre o 10 e o 13 de agosto reunirá a 15 artistas urbanos no novo escenario situado a pé de praia en Samil. Entre os artistas musicais haberá forte presenza de mulleres e nomes de Vigo, Galicia, España e outros países.
Soará en Samil a música de Sticky M.A. (trap español), Pongo (a raíña angolana do kuduro), Albany (sad trap de España), Munic HB (barcelonés de orixe gambiano, nova promesa do trap en España), Oddliquor (madrileño con sons que van desde o R&B á electrónica, pasando por dancehall e o trap), Beauty Pikete (novo talento da canteira local, que xa conta con colaboracións con artistas como C.Tangana). Completan a oferta musical sesións de DJ e showcases de colectivos: Sote e Saya, Anita B Queen, as viguesas Antípoda e J.Curto; Clara!, Antídoto, Neo2000KLUB, Polenta, POL4KA e VerusK.
Joako Ezpeleta, director do Marisquiño explicou que Samil acolle este ano as tres probas máis importantes do festival: Skate, BMX e o Dirt Jump, mentres que o descenso será o sábado 12 de agosto desde a fortaleza do Castro ata a Praza do Berbés e a Batalla de Galos se celebra na Porta do Sol o domingo 13 de agosto. Ademais haberá talleres en Navia e baloncesto na zona do Náutico.