O mercado que viaxa polos portos de Galicia para promover o talento feminino
Un Mercado en cada Porto é unha inciativa de ONyVá! que durante todo o verán percorre varias vilas costeiras cun mercado pensado para dar visibilidade ao traballo de mulleres creativas. Esta fin de semana despregarán o seu talento na praza do Curro, en Portosín.
Un Mercado en cada Porto: mulleres artesás de Galicia é un mercado itinerante polas vilas costeiras galegas que promove a difusión do noso patrimonio artesanal e as marcas creativas de mulleres da nosa terra. A iniciativa celebra este verán a súa terceira edición e estará esta fin de semana en Portosín con vinte postos liderados por mulleres. Unha mostra variada de saberes artísticos e culturais que rota de mercado en mercado.
A artesanía é un oficio dominado históricamente polo traballo feminino. Por iso Un Mercado en cada Porto aposta por poñer en valor os oficios artesanais, coa vista posta nas creativas do presente e o futuro, favorecendo a convivencia de redeiras e palilleiras con artistas que traballan materiais contemporáneos como a resina polimérica. No medio encontramos productos gastronómicos gourmet, estampación textil, bonecos feitos a man, xoiería en prata, cerámica, moda ou artículos de coiro. Ademais de mercado, o evento integra unha exposición fotográfica de artesás tradicionais na que atopamos imaxes das Redeiras da Illa de Corme, as trenzadoras de palla ou as palilleiras do encaixe de Camariñas.
Para apoiar o traballo de todas as mulleres, este ano estrean o programa ONyVÁ! Emprende, co que sortean un espazo no mercado, sen custe, a marcas que están comezando. “Sabemos o complicado que é emprender e queremos apoiar ás mulleres que se lanzan a ter o seu propio negocio”, explica Graciela Castro, organizadora do evento. O formulario para optar a un destes ocos gratuítos pode atoparse nesta publicación da súa conta de Instagram.
Ademais de postos de artesáns, esta comunidade feminina fortalécese coa participación de asociacións que traballan para mellorar o benestar de todas as mulleres. Nesta ocasión contarán con Apotheca, fundación que apoia a vítimas de violencia machista e que estarán vendendo xabóns artesanais para financiar os seus programas. Tamén atoparemos entre os postos de Portosín a QuerENDO, asociación de mulleres con endiometrose que serve de apoio ás afectadas e reivindica melloras no estudo e tratamento da enfermidade.
Graciela Castro e o seu equipo de ONyVÁ! comezaron co proxecto no verán de 2021, logo dunha década actuando como plataforma de visibilidade de artesáns a través doutros mercados que organizan. Fixeron o primeiro mercado en Poio e continuaron durante o verán de 2022 amarrando o seu alegórico barco noutros 11 portos de Pontevedra e a Coruña nos que recibiron a visita de máis de 21.000 persoas.
A terceira edición estreárona a primeira fin de semana no seo do festival Fisterra Blues e a pasada fin de semana recalaron en Rianxo, dentro do programa da Festa do Carmen. A seguinte parada será este sábado e domingo, 22 e 23 de xullo, na Praza do Curro, en Portosín, onde 20 artesás liderarán este mercado costeiro entre as 12 e as 20h. Nas próximas semanas publicarán máis datas e lugares para o mes de agosto.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024