CAMELIAS MASCOTAS

Alium 100% Glutenfree, bocados diversos

Alium é unha tapería no barrio de Casablanca onde todo todo o que se serve é sen glute. A carta está chea de pratos orixinais e abundan as opcións vexetarianas e veganas.

Do latín: diferente, diverso. Este restaurante da rúa Ecuador transmite exactamente o que promete o seu nome, por partida dobre: a satisfacción de encontrar un local no que probar pratos únicos e de poder sentarnos á mesma mesa persoas con diferentes gustos e dietas.

Cando Paola e Raúl, ambos cociñeiros, decidiron abrir este local en 2020 partiron da premisa de que non había en Vigo lugares onde persoas celíacas, veganas, vexetarianas e carnívoras puidesen compartir unha comida en igualdade de condicións. Empezaron incorporando opcións sen glute e hoxe poden presumir de ser o único restaurante vigués 100% libre de cereais que o conteñan.

Os prezos da carta son de tapería ao uso, pero os pratos son máis elaborados do habitual. O tartar de vaca, picado a coitelo no momento e aderezado con aguacate e fresas, colócase sobre media médula do mesmo animal, que pode ir repañándose a medida que degustamos o prato. Recomendamos probar a anguía afumada no propio restaurante, colocada sobre puré de tupinambo e terminada cunha crema de foie e mazá asada e pan crocante. Un prato doce, umami, cremoso e crocante dificil de esquecer.

Incluso os máis carnívoros paga a pena que se deteñan na carta de pratos vexetais e dean unha oportunidade a manxares como a berenxena laqueda con miso ou ao estufado de albóndegas veganas. A cabaza está cociñada no kamado (un forno tailandés) antes de ser cocida ao baleiro no seu propio xugo e servida cunha falsa burratta de coco, mollo ao curri e lima. Os buñuelos, de suave sabor a mar, son veganos, e levan como ingrediente principal jackfruit, unha froita tropical en salmoira, acompañado de pataca e algas.

Os doces non están na carta, pois Raúl, que ten formación de mestrado en pastelería, desfruta creando sobremesas diferentes a diario. Sérvense en formato minitarta e moitas son veganas.

REVISTA NOVEMBRO

Aínda que non presumen disto con grandes letreiros, unha gran parte da despensa deste restaurante é de quilómetro cero e de tempada. As hortalizas e algunhas froitas veñen da horta familiar ecolóxica. «Por iso ata os doces nesta época poden levar tomate», bromean sobre a abundancia dos produtos da terra no verán. Na elección das carnes valoran tanto a calidade do produto, como o benestar dos animais que compran. Escollen vacas que pastan nas serras galegas, alimentadas sen pensos nin antibióticos.

Raúl e Paola son dúas mentes inquedas que innovan a diario para ofrecer unha cociña de tempada materializada en pratos propios. Elaboran todo desde cero na súa cociña e traballan en crear combinacións saudables e fáciles de dixerir, para que comer fóra non sexa sinónimo de comer mal, senón unha experiencia que tanto as papilas como o estómago agradezan. O resultado é unha cociña fresca, nutritiva e de repañar o prato (con pan sen glute).

Rúa do Ecuador, 80 | 697 88 33 67 | @aliumvigo | aliumtaperia.com

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.