Camping Isla de Ons: unha acampada confortable
Polo xeral, cando pensamos en botar uns días de acampada no medio da natureza, vénsenos á cabeza á tríade formada pola tenda de campaña, o saco de durmir e a esteira. Así e todo, os tempos mudaron e agora a comodidade dun colchón ou dunha ducha quente tamén se poden atopar nun campamento en pleno Parque Nacional. Iso é o que nos ofrece Camping Isla de Ons, o primeiro lugar de acampada autosostible de Galicia, que combina a posibilidade de alugar parcelas para montarmos a tenda, combinándose coa opción de descubrir o glamping cunhas estruturas que dispoñen de camas, mobiliario e outras facilidades que fan que nos sintamos coma na casa. A tan só un quilómetro de onde nos deixa o barco (os portos de embarque habituais son Bueu e Portonovo), as instalacións do cámping da illa de Ons contan con múltiples servizos que fan que non queiramos volver a terra firme: cafetería con wifi, lavandería, parque infantil, ultramarinos e, como non, unha recepción en que resolver todas as dúbidas que teñamos, ademais dun punto de primeiros auxilios.
Desde o primeiro momento, o esforzo do grupo que está tras o cartel de Camping Isla de Ons viuse recompensado con múltiples galardóns que demostran a calidade das instalacións e dos servizos. Desde premios de arquitectura sostible aos prestixiosos selos «Q», de calidade turística, ou «S», de sostibilidade. Un recoñecemento ao bo traballo que nos dá a tranquilidade de saber que non nos temos que preocupar por máis nada que por explorar todo o que a illa ofrece para levar de volta unha chea de bos recordos. Para isto, o primeiro é preparar o equipamento: unha reserva asegurada de auga potable, ben moi prezado na illa, crema e gorra para o sol e roupa e calzado cómodos. Un aviso importante: pola noite refresca; non nos vaiamos fiar dos 20 ºC que de media goza o arquipélago das Illas Ons durante as xornadas estivais. O segundo paso é máis sinxelo: deixarse levar. Seguir algunha das catro rutas que percorren a illa (todas circulares, con lonxitudes de entre un e oito quilómetros), coñecer os fermosos areais que a rodean (contando cunha opción nudista na praia de Melide), visitar o entorno do último faro habitado de Galicia… Sempre, como non pode ser doutro xeito, sen perturbar a paz da fauna e a flora da illa para que nos permitan apreciar a beleza de especies como o corvo mariño cristado, o lagarto arnal, a herba de namorar ou a xesta de Ons.
Sen dúbida, un dos encantos máis característicos de Ons é ser o único arquipélago declarado como Parque Nacional que conta con veciñanza habitual. Lonxe quedou aquel case medio cento de habitantes dos anos cincuenta, pero aínda temos a sorte de cruzarnos con poboadores que nos poden falar sobre o interesante pasado desas latitudes. Se o que queremos é coñecer a historia de Ons con todo luxo de detalles, temos que visitar o centro de visitantes da illa, un edificio que noutrora ocupou a escola e que se atopa xusto enfronte da igrexa de San Xaquín, no centro neurálxico deste arquipélago adscrito ao concello de Bueu, preto dunha zona gastronómica onde os produtos do mar son os protagonistas, para volvermos dunha estadía inesquecible con moi bo sabor de boca.
campingisladeons.com | campingons@vioviajes.com | 986 43 35 30 | @campingisladeons
Noelia Álvarez
Redactora