CAMELIAS MASCOTAS

Play-Doc regresa esta semana a Tui con documentais internacionais e galegos

O festival internacional de cinema documental de Tui Play-Doc celebra a súa 19 edición entre o 26 de abril e o 1 de maio no Auditorio municipal e outros espazos da vila. Ademais de non ficción internacional, poderemos ver tres longas e dez curtas de autoría galega.

Fotograma de Nevada, de Manuel Valcárcel

O vindeiro mércores, 26 de abril, comezará a 19ª edición do Festival Internacional de Cinema de Tui, Play-Doc. Unha edición que continúa fiel ao selo de identidade deste certame, que destaca por presentar retrospectivas de cineastas de culto internacionais e redescubrir e reivindicar outros moitos nomes esquecidos ou amplamente descoñecidos.

Na programación atopamos, un ano máis, unha escolma de documental internacional contemporáneo, sen perder de vista o máis representativo do cinema producido en Galicia durante o último ano, ademais de obradoiros e unha sesión con música en directo a cargo de Jota, de los planetas. Pode consultarse aquí a programación completa e mercar as entradas en Enterticket. Cada sesión ten un prezo de 4,00 €, excepto Aravindan Govindan, que custa 18,00 €.

Cinema galego

Un total de 13 títulos conforman o programa de cinema galego, entre os que poderemos ver tres estreas mundiais. Circo Nevada, dirixida por Manuel Valcárcel, unha longametraxe documental que xira ao redor das vivencias dos integrantes dun circo durante o tempo que pasaron en Monforte de Lemos por causa da pandemia. Tamén poderemos ver por primeira vez, Al otro lado del mar, de Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez, na que dous amigos e camaradas cineastas manteñen ao longo de tres anos unha correspondencia fílmica entre Galicia e Colombia. Tamén se estrea internacionalmente, Devociones dirixido por Anxo Montero e María Serna, unha obra máis experimental, na que os seus directores propoñen unha viaxe sensorial a través do espello en busca de paisaxes sanadores.

REVISTA NOVEMBRO

Ademais, nesta edición maniféstase un auxe de documentalistas mulleres que exploran a súa visión do corpo desde diferentes puntos de vista. En 30’ 70 60’ 120 Marta Valverde fala, en primeira persoa, sobre a precariedade laboral e social á que se enfronta unha persoa nova, Anxos Fazáns na súa película Habitar afonda na aceptación do corpo. Ademais, poderanse ver os traballos de Laura e Coral Piñeiro, Na pel dá memoria, na que mostran como as mulleres sufriron a ditadura franquista, Espantos y desencantos de Ariadna Silva que acompaña a Cruz Piñón, unha muller do rural, e móstranos a súa visión da situación actual e Hondarrak (En ruinas) de Paula Iglesias e Marta Gómez na que exploran o rol das mulleres como eternas coidadoras.

A parte máis experimental do cinema producido en Galicia asínana Helena Girón e Samuel M. Delgado coa súa película Bloom na que falan de San Borondón, unha illa que aparece e desaparece no arquipélago canario; Serpari de Iria Sanjurjo a través do cal asistimos a un dos rituais máis peculiares da zona de L’Aquila, dedicado ás serpes; e Ecotone de Enar De Deus un ensaio audiovisual que critica as formas contemporáneas do capitalismo.

Completan a sección, A Foreign Song dirixida por César Souto que chega a Play-Doc tras gañar o premio á mellor película española e á mellor dirección na pasada edición do Festival de Cinema de Xixón (FICX) e Os Saldos dirixida por Raúl Capdevila que mostra a evolución industrial e a deterioración da vida na España baleirada a través dunha granxa de porcos.