Underfest Bites trae a Marah, a banda de rock favorita de Bruce Springsteen
O Festival Underfest, para facer máis amena a espera ata a súa celebración en setembro, propón tres concertos para os próximos tres meses. O primeiro é este xoves 20 na Sala Masterclub, onde a banda estadounidense Marah demostrará por que Bruce Springsteen os considera a mellor banda de rock do momento. As outras dúas actuacións son Jesse Malin o 26 de maio tamén na Masterclub e Miranda & the Beat o 4 de xuño en Radar. Podes mercar aquí a túa entrada.
Xa tes o teu abono para o festival Underfest, que se celebra en diferentes espazos de Vigo os días 15 e 15 de setembro? Pois ademais de gozar dunha programación de calidade, aínda por coñecer agás polo concerto da lenda británica Paul Weller, tamén tes unha cita este xoves 20 de abril na Sala Masterclub. O motivo: a banda estadounidense Marah inaugura o Underfest Bites, un ciclo de tres concertos que será gratuíto para as persoas que xa dispoñan do abono do festival.
Non é a primeira vez que o Underfest ofrece concertos máis aló do propio festival. O ano pasado, o 22 de abril, a banda canadiense Eliott Brood actuou en La Iguana Club grazas o evento vigués, nun dos poucos concertos que acolleu a mítica sala de Churruca nos últimos meses. O Underfest Bites continúa unha senda estilística similar, pois as tres propostas para este ano veñen de Estados Unidos e teñen un son que oscila entre o rock, o country e o folk: Marah o 20 de abril, Jesse Malin o 26 de maio (ambos na Masterclub) e Miranda and the Beat o 4 de xuño, na sala Radar.
Marah, a banda de rock favorita de Bruce Springsteen
Marah, fundada en Philadelphia en 1993 polos irmáns Dave y Serge Bielanko, teñen a honra de ser considerados polo propio Bruce Springsteen como a mellor banda de rock do momento. Ademais, compartiron escenario con el ata en catro ocasions, unha delas no Giant Stadium de New Jersey. Outros grandes artistas, como Steve Earle, The Jayhawks e o escritor Nick Hornby tamén se atopan entre os seus seguidores.
En xaneiro de 2008, xusto despois de publicar o seu sexto álbum Angels of Destruction, tres membros do grupo, (Adam Garbinski, Dave Petersen e Kirk Henderson), abandonan o barco. Poucos meses despois Serge Bielanko fai o propio e quedan só Dave Bielanko e Christine Smith. En 2015 os membros orixinais reúnense para xirar, aproveitando o 15 aniversario do seu éxito Kids in Philly. Na xira actual atopamos a Dave Bielanko á fronte do proxecto sen o seu irmán Serge, centrado na composición de nova música. Acompañándoo está unha fusión dos mellores compoñentes de Marah: os veteranos Dave Petersen (batería) e Adam Garbinski (baixo/ guitarra), e o mítico Slo-Mo Brenner (slide guitar/baixo).