CAMELIAS MASCOTAS

Álvaro Gago: «Oxalá que moitas mulleres digan “basta” despois de ver Matria»

Tras unha recoñecida traxectoria como curtametraxista, Álvaro Gago Díaz (Vigo, 1986) acábase de estrear como director dunha longametraxe con Matria, que conta a historia de Ramona, unha muller do Salnés sen máis aspiración que sobrevivir. Trátase da meirande estrea comercial dun filme rodado integramente en galego. Ao regreso das recentes edicións da Berlinale e do Festival de Málaga, conversamos ao abeiro da chuvia nunha ruidosa cafetería de Coia.

Álvaro Gago en Coia | P. Vázquez

Criácheste aquí, en Coia. Que recordos gardas desta zona?

Aínda que nos mudamos a Bouzas cando eu tiña 8 anos, sempre estiven moi vinculado a Coia porque adestraba no pavillón co club de balonmán Seis do Nadal e estudaba no instituto Coia 2. Esta foi a burbulla en que vivín ata que marchei fóra aos 20 anos. Moitas persoas desta etapa marcaron profundamente a miña vida, varias delas ligadas co deporte como Antón Piñeiro, presidente do club cando eu empezaba alí. Tamén había unha serie de nais e pais que apostaban polo deporte como vehículo para a creación de vínculos e a preservación de valores que consideraban importantes. A pesar de xogarmos nun equipo moi competitivo, que xogaba torneos estatais, a competición quedaba nun segundo plano ante os valores. Esas persoas servíronme á hora de discernir o importante do banal.

Graduado en Comunicación Audiovisual e Música, en que momento decidiches decantarte polo cinema?

Non houbo un momento concreto, foi unha conxunción de circunstancias vitais. Non tomei decisións moi racionalizadas, senón que me foi guiando o estómago. Sempre funcionei así. Os meus pais sempre lle deron moita importancia ás artes, a pesar de teren profesións vinculadas coas ciencias. O cine tamén estaba moi presente na casa, de pequeno vía a Chaplin en bucle. Marchei aos Estados Unidos cunha bolsa de estudos, e nesa experiencia espelinme e madurei moitísimo. Alí, de maneira casual, acabei estudando teatro. Eu xa tiña certa inclinación polo cine, penso que pola influencia que tiveron en min os profesores da Universidade de Vigo José Luis Castro de Paz e Xaime Fandiño, ou compañeiros como Miguel Barbosa e Diana Gonçalves. Coa vontade de estar un pouco máis cerca da casa, fun para Londres e fixen un pequeno curso para probarme no campo do cinema, e aí coñecín dúas persoas que acabaron sendo importantes na miña vida, dous cineastas: o italiano Luca Emma e o venezolano Rafael Medina. Rafa foi un pouco o que me inculcou ese impulso de pensar ao grande e de botarse á piscina. Para sacar adiante producións cinematográficas, con el fixen cousas que nunca volvería facer, pero que me curtiron.

É necesario botarse á piscina para que pasen cousas?

Si, pero tamén é necesaria a cautela, esa vulnerabilidade que levamos dentro. A ansia por transcender non é positiva. Eu penso que hai que intentalo con todo, pero definir ben os obxectivos, sendo conscientes de que todo o que vai alén do proceso creativo é algo que depende moi pouco dun mesmo. Aprendemos a base de hostias. Despois desa aprendizaxe, colles perspectiva e decátaste de que iso non o podes volver facer así, porque literalmente non sobrevives, entón tes que buscar as ferramentas das que te vas valer para facelo máis sostible, e eu aínda estou aí.

Os recoñecementos recibidos pola curtametraxe Matria (2017) foron os que te levaron a convertela na longa estreada o 24 de marzo?

Non podo negar que tiña interese en ver como me podía desenvolver nunha longametraxe. A curta Matria foi a que me puxo no mapa estatal e a que internacionalizou o meu traballo, pero houbo moito que vogar e moitas negativas que afrontar durante todos os procesos para sacar esta película adiante. Moitos laboratorios non a quixeron, houbo organismos que financian producións que de entrada non quixeron entrar… Fácil non foi.

Álvaro Gago durante a rodaxe de 16 de decembro, no pavillón de Coia | P. Vázquez

Estamos máis familiarizados coa parte artística do traballo dun cineasta, pero tamén sodes vós os que vos encargades de botar contas, non?

Eu quero estar moi pegado á produción das miñas películas; quero ver a folla de Excel do orzamento do filme e ver se o tipo de xestión que estamos formulando se corresponde coa que queremos facer. Esa posición do director como alguén que non se involucra en cuestións de produción está moi desfasada. Os proxectos cada vez teñen unha composición máis horizontal, e penso que reflicte un cambio que pouco a pouco tamén se está producindo a nivel social; hai unha vontade de derivar eses patters, padróns que son mitos construídos, e de formular o traballo doutra maneira. Traballar coa xente que queres, duramente e con seriedade, pero desde unha posición saudable. As películas tendían a arrasar por onde pasaban, a pedir sen dar, a pensar exclusivamente no resultado final. A nosa responsabilidade como cineastas é loitar para que a película sexa unha experiencia de vida para o equipo, pero tamén para a xente do lugar de rodaxe. O sentido verdadeiro do traballo, o éxito, reside no propio traballo.

Es optimista cando falas dun cambio social?

O cambio é lento, a loita é eterna, pero é a última esperanza. Son optimista, penso nestes pequenos avances que imos facendo como sociedade. Creo cegamente na loita feminista, incluíndome como o home branco e heterosexual que son eu. Estou convencido de que é a loita de todas as loitas, porque engloba unha concepción do que é a humanidade, a organización social, a política, as relacións interpersoais… proxecta un mundo no que quero vivir, unha matria, e non unha patria que me esteriliza decote.

Falaches algunha vez da necesidade de rachar coa idea do matriarcado galego; pensas que non é certa?

Nesa crenza inflúen moitos factores. O tema do matriarcado, que consistiu que nos anos da emigración para protexer economicamente o patrimonio familiar, as propiedades empezaron a pasar de muller a muller. Tamén o Rexionalismo galego, que, querendo afastarse do centralismo español, quixo asociarse con sociedades matriarcais como a celta, a vasca ou a xermana. Polo feito de centrarme na historia da protagonista, a curta chegouse a interpretar como unha reivindicación do poder desa muller; pero a realidade é que Ramona é unha persoa totalmente oprimida, un sustento para o seu lar e un sustento para nós como sociedade.

María Vázquez, a actriz que encarna a Ramona na longametraxe, contounos que pasou moito tempo coas conserveiras do Salnés.

Eu son un cineasta de pouco de escritorio e de moita rúa, o que quere dicir que preciso facer un proceso de investigación; necesito experimentar a realidade. Ese momento é o que máis me presta, cando absorbo coma unha esponxa, e quixen expoñer a María Vázquez a algo similar. O meu obxectivo non era só o de contar unha historia, senón o de capturar unha existencia; así é como concibo eu as películas. Organicei moitas excursións con María, moitos paseos con persoas que eu cría que lle ían aportar cousas que eu consideraba importante que quedasen reflectidas na obra.

María Vázquez | P. Vázquez

De todo o proceso da longametraxe, que foi o que máis che gustou?

Sobre todo, o contacto con persoas que fan que os meus horizontes se expandan, aí para min reside a esencia de por que fago o que fago. Un filme é un proceso de creación colectiva. De feito, non sei canto tempo durará iso de «unha película de fulano de tal». Esta non é unha película de Álvaro Gago, senón de moita xente. O director ten é unha visión, pero logo vén o proceso de creación, un ten que traballar con quen é mellor ca un mesmo en diferentes posicións; hai que abrirse a diferentes puntos de vista, saber que incluír e que descartar.

Como viviches a presentación do filme no Festival Internacional de Cinema de Berlín?

Foi unha experiencia marabillosa que non é equiparable a ningún tipo de premio. No máis terreal, Berlín é unha cidade cuns teatros preciosos na que se respira cine. A Berlinale é un festival dirixido ao público e a película tivo unha acollida moi calorosa. Houbo oito pases e os oito estiveron cheos.

Entón un filme rodado en Galicia e en galego pode ser aplaudido polo mundo adiante?

E iso a quen lle sorprende? O máis interesante é o que temos ao lado, o importante está na veciñanza de cadaquén; aí están as grandes películas. O que pasa é que hai que aprender a mirar o mundo con outros ollos, tirar de enriba os complexos e deixar de infravalorarnos. Precisamos contarnos, narrar historias de noso e reflectir a existencia propia.

Iso que dis rompe con esa idea tan asentada de que, para se dedicar ao mundo do cine, hai que marchar a Madrid.

Sinceramente, eu non sabería que facer en Madrid. Paréceme unha cidade marabillosa, pero alí non hai nada do que coñezo. Agora quero traballar desde aquí, penso que hai unha falta de representación propia na pantalla, da lingua que nos define como pobo. Para que vou ir a Madrid, cando alí teñen centos de persoas que poden facer o que alí se fai? Xa me custas ás veces falar da miña veciñanza, como para ter que marchar fóra. Eu son consciente dos privilexios que teño e son consciente de que o ideal sería que cadaquén tivese unha cámara para poder contar a súa propia película. A democratización dos puntos de vista é necesaria. Hai pouca ou case ningunha persoa de clase obreira facendo pelis. O cine naceu apegado á realidade, pero foise afastando cara á alfombras vermella e á brillantina. Haino que traer de volta ás orixes.

Álvaro Gago | P. Vázquez

O cine galego está vivindo un bo momento, non che parece?

Si, pero cústame ser triunfalista. Estase poñendo valor o que temos aquí, hai máis xente facendo este cine, hai máis sensibilidades; pero gustaríame facer deste bo momento do cine galego algo mellor e perdurable no tempo.

Cómpre máis financiamento?

Quero desmitificar esa idea que hai do cineasta subvencionado. Podes coller calquera outro tipo de industria e ver que está máis subvencionada que o cine. Aquí temos o caso de Stellantis; cal é o retorno económico dos cartos que se meten aí? Ou o caso recente de Ferrovial, que se rescatou con fondos estatais e que agora foxe a un paraíso fiscal. Non todos os cineastas son santos, obviamente, pero a maioría sente unha gran responsabilidade por estar recibindo diñeiro público. O cine ten moitos valores intanxibles, pero se como, por exemplo, que haxa unha comunidade que por mor de verse representada nunha película se sinta máis orgullosa de si mesma. Se falamos de termos económicos, eu acabo de facer unha película por un millón de euros gastado integramente aquí. Parte dese financiamento provén de fondos públicos galegos, que conseguimos a través de organismos como AGADIC, Deputación de Pontevedra ou Televisión de Galicia, si, pero a maioría do diñeiro veu de fóra e quedou aquí.

De fóra, de onde?

Do ICAA, de Movistar Plus+ e de Televisión Española. Entre a preprodución e a rodaxe estivemos un equipo de cincuenta individuos, todos galegos agás un foquista vasco, comendo e durmindo na zona, o que repercute positivamente na economía local, que beneficia moita xente.

Que é o que che gustaría que acontecese con Matria?

En Berlín, achegóusenos unha persoa que nos dixo que moitas mulleres se divorciarían despois de ver a película. A verdade é que se hai moitas mulleres que digan «basta», que poidan ver a luz ao final do túnel, se a película ten a forza suficiente como para empurrar conciencias a expandirse un pouco máis, pois eu aledaríame. Porque despois todas esas persoas, como a Ramona da película, empezarían a esforzarse desde a intimidade cara a unha forza colectiva que o reinvente todo.

Fotograma de Matria

Tamara Novoa
Editora

REVISTA NOVEMBRO

Pablo Vázquez
Fotógrafo

LE AQUÍ A NOSA CRÍTICA DE MATRIA

CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DE VIGO

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.