Que facer en Vigo esta fin de semana
Entre o 31 de marzo e o 2 de abril o centro da cidade énchese de persoas vestidas ao estilo de 1809 e o recendo a chourizo e filloas toma a cidade con tanta intensidade como as tropas napoleónicas hai dous séculos. Neste decálogo atoparás ideas para desfrutar da Reconquista, pero tamén para fuxir dela: concertos de rock, pop e soul, teatro, mercado e ata un musical. Se buscar máis plans, aquí podes consultar a axenda cultural máis completa de Vigo
1. A Reconquista – Venres a domingo
A festa histórica de Vigo vive o seu apoxeo esta fin de semana coa instalación do mercado de comida e artesanía no Casco Vello. Admais de despachar choripáns a Reconquista ofrece unha variadísima programación na que destacan as actuacións musicais e a escenificación da recuperación da cidade polos vigueses. O programa completo de todos os torreiros, charangas, obradoiros e espectáculos está neste artigo. E se queres acertar coa vestimenta, debes ler estas recomendacións.
2. Galicia Fiddle na Reconquista – Venres, sábado e domingo
A asociación viguesa que promove os instrumentistas de corda de música popular, Galicia Fiddle, contará cun espazo na praza de Eduardo Chao onde farán concertos durante toda a fin de semana. O programa está formado por artistas 100% locais. Podes ver os máis de 20 concertos programados neste artigo.
3. Feira Americana – Venres, sábado e domingo, de 12h a 17h
Chega a O lar das artes a famosa venta de garaxe ou feira americana de Nuria González Martínez, roupa con moi poco uso ou nova e tamén complementos. Todo a 1, 2 e 3€. Podes aproveitar a visita para quedar a comer para o que é aconsellable reservar no 639 45 51 02.
4. Interior noche, de Serrucho – Venres, sábado e domingo ás 20h
Terceira e última peza do festival Isto Ferve, que a Sala Ensalle celebra desde hai 19 anos. O certame procura linguaxes innovadoras tanto no teatro como na danza e convoca a compañías nacionais e internacinais. No caso de Interior Noche os autores son a compañía madrileña Serrucho que expoñen a observación, o silencio e a calma como prácticas necesarias de resistencia antisistema. As entradas custan 10 € e poden reservarse na web do teatro.
5. Día das artes galegas – Venres e sábado.
Con motivo do día das artes galegas este 1 de abril, a Biblioteca Juan Compañel celebra tres xornadas cheas de arte. O venres ás 18.30 h proxección de Dorothé na vila, documental galego sobre a musicóloga Dorothé Schubarth. O sábado ás 12h folk infantil con Naia Trío. O luns a charla Martin Codax, un trobador para Vigo, a cargo do experto en literatura medieval Xosé Ramón Pena Sánchez. Todas de balde sen reserva de entrada.
6. Concerto de Igloo – Venres ás 21:30h
A banda galega Igloo celebra 18 anos de traballo e presenta en La Fábrica de chocolate o seu último disco, Planes para días grises, once temas compostos durante a corentena que rememoran as sensacións vividas naquel periodo. As entradas custan 10 € e poden mercarse en Woutick.
7. Concerto de Lisa & The Lips – Sábado ás 20h
Desde USA, volve a banda liderada por Lisa Kekaula. Para este concerto contará cunha banda de oito músicos liderada polo guitarrista Bob Vennum que, xunto a Lisa, fundou a banda The Bellrays. Tamén estará o guitarrista vilagarcián Pablo Pérez e unha magnífica sección de ventos. O concerto é na Sala Rouge e os tickets en Entradium por 19 €.
8. Espectáculo de circo Ekilibuá – Sábado e domingo ás 20h
Ekilibuá é un espectáculo de construcción, equilibrio e complicidade escenificado por Morgane e Marcos, da compañía de circo Maintomano. Podemos ver esta abraiante peza apta para todos os públicos na Sala Ártika. As entradas custan 10€ na web ata o veres ás 20h e 14€ na taquilla.
9. Concerto de Arrhythmia – Sábado ás 21:30h
A sala MasterClub inclúe no seu calendario de concertos a Arrhythmia, banda que mestura metal, electronica, rap e rock con letras en galego. Tamén actuará Ann Trash, artista multidisciplinar e anónima que se move entre o puunk e o hardcore sen renunciar a outros estilos. As entradas están dispoñibles online a 12 €.
10. Musical Colombia, mi encanto! – Domingo ás 18h
O musical baseado na película Encanto chega ao Auditorio Mar de Vigo este domingo. Un espectáculo espectáculo moi divertido e emotivo, con efectos especiais, coreografías e todas as voces en directo. entradas entre 16 € e 20€ en Teuticket.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024