CAMELIAS MASCOTAS

‘Matria’, drama social de altura con selo vigués

Este venres 24 de marzo estréase nas salas de todo o país Matria, a primeira longametraxe do vigués Álvaro Gago. A protagonista da cinta, María Vázquez, vén de gañar a Biznaga de Ouro no Festival de Málaga pola súa memorable interpretación encarnando a Ramona, unha muller que non consegue levantar cabeza nunha vila mariñeira galega.

María Vázquez nun frame da película | Avalon

En 2017 o director vigués Álvaro Gago estreaba Matria, unha curtametraxe de 20 minutos na que Eulogia Chaves interpretaba a Ramona, traballadora nunha fábrica de envasado de mexillón. Seis anos despois chega ás pantallas de todo o Estado unha longametraxe homónima, con protagonista tamén homónima, pero cunha trama e con intérpretes diferentes.

Ramona vive agobiada pola súa situación laboral, económica, familiar e sentimental. Séntese atrapada nunha casa, nunha fábrica, nunha vila costeira na ría de Arousa, e non sabe como saír. A viguesa María Vázquez interpreta a esta muller forte, de carácter explosivo pero tamén con moito sentido do humor, que ocupa a pantalla ao longo dos case 100 minutos que dura o filme. Ela é o centro da película, quen a mantén a flote e quen a fai avanzar en todo momento. Por estes motivos o xurado do Festival de Málaga decidiu premiala coa Biznaga de Ouro, que a recoñece como a mellor intérprete feminina do evento andaluz. Antes, a película gozou de moi boa acollida na Berlinale, un dos festivais cinematográficos máis reputados no ámbito europeo.

Un dos puntos máis interesantes desta peza son as trazas autobiográficas do director de 16 de decembro ou Curricán, pois Ramona está inspirada na muller que coidaba do seu avó. A raíz desa amizade xurdiu a idea de Matria, primeiro en forma de curta e despois de longa, e nesta segunda podemos ver esa curiosa relación entre a protagonista e o ancián viúvo: “Na última etapa da vida do meu avó apareceu esta muller que o zarandeaba e o movía e lle metía no corpo positivismo e dinamismo”, comentounos nunha entrevista hai cinco anos. Con esta obra Gago quere desmontar a falacia do matriarcado galego, pois malia traballar igual ou máis ca os homes, elas non teñen o poder de decisión. A cara que pon o personaxe interpretado por María Vázquez ao escoitar á súa parella dicir por teléfono “ela é quen manda na casa” é a definición perfecta desta problemática.

Soraya Luaces e María Vázquez nun momento do filme | Avalon

A diferenza doutros moitos filmes feitos en Galicia, onde os diálogos (supostamente profundos) poden contarse cos dedos da man, Gago coida con agarimo as interaccións entre os seus personaxes, habendo espazo para o drama máis escuro pero tamén para momentos de comedia e emoción máis luminosos. A diferenza da curtametraxe homónima, nesta Matria o realizador vigués soubo moderar o drama e a opresión que sofre a protagonista, moi esaxerado na obra de 2017. Daquela os contínuos berros da responsable da fábrica, ao estilo do sarxento Hartman en Full Metal Jacket de Stanley Kubrick, resoaban excesivos e pouco cribles.

De feito, a gran mancha da súa primeira longa é o personaxe de Andrés, interpretado con solvencia por Santi Prego. A parella de Ramona é un home maleducado, borrachuzo, desagradable e infiel que non ten ningún tipo de evolución ao longo da cinta. Todas as súas intervencións son repulsivas, sen excepción. É igual de noxento no minuto 1 ca no 99, polo que semella un recurso un tanto pobre para que empaticemos máis coa protagonista. A súa filla Estrella, interpetada por Soraya Luaces, por exemplo, ten un desenvolvemento máis complexo e interesante, polo tanto logramos entender a súa situación sen maniqueísmos.

REVISTA NOVEMBRO

En definitiva, estamos ante un bo filme de drama social que lembra pola súa factura realista ao traballo dos irmáns Jean-Pierre e Luc Dardenne, especialmente a Dos días, una noche e á súa omnipresente protagonista Marion Cotillard. A fotografía, obra de Lucía C. Pan, é naturalista e non busca embelecer Galicia, tendencia moi habitual en producións máis mainstream. Moi coidado está tamén o uso do galego, cargado de vulgarismos e variantes dialectais e bañado por un acento do máis auténtico.

Sinopse

Ramona, unha muller de corenta anos, vive sumida nun contexto laboral e persoal tenso e precario nun pobo da costa galega. Fai malabarismos con múltiples traballos para manterse á boia e proporcionar un futuro mellor á súa filla Estrella. Pero cando Estrella está preparada para tomar o seu propio camiño, Ramona dáse conta de que, por primeira vez, pode facer algo por si mesma.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.